DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais

A comunicación na rede centra o novo mestrado de CCSS e da Comunicación

Con 25 prazas, comezará a impartirse o vindeiro curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/05/2018

O desenvolvemento e implantación da estratexia de comunicación dixital dunha empresa ou institución e a creación e xestión de contidos deseñados especificamente para as redes sociais e internet constitúen os dous piares nos que se sustenta a formación do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comeza a impartir o vindeiro curso 2018/2019. Cun total de 25 prazas, trátase do primeiro máster universitario oficial en Galicia especializado nun eido, o da comunicación en redes sociais, “no que a demanda de profesionais especializados está en crecemento”, como salienta o coordinador desta nova titulación, o profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Alberto Dafonte.

Nese senso, o informe Top 25 pofesiones digitales 2017, realizado polo instituto Inesdi a partires da análise da demanda laboral de 180 empresas, cifra no 19% a porcentaxe de ofertas de emprego centradas no eido dos social media, destacando entre os perfís máis solicitados os de social media manager e content manager, os e as xestores de comunidades virtuais e de contidos para rede. Os dous perfís nos que se centra este mestrado cuxo plan de estudos está integrado por 14 materias, ás que se suman as prácticas profesionais e o traballo de fin de máster, e no que o 50% da docencia, explica Dafonte, correrá a cargo de profesionais, de tal xeito que ás achegas do persoal docente e investigador da facultade nos seus ámbitos de especialización se sume “o valor engadido de contar cunha serie de docentes externos cos que están representadas as principais empresas do sector en Galicia”.

“É un máster que entendemos que vai ser útil para o noso alumnado actual, pero tamén para titulados que poidan vir doutros ámbitos e especializarse nisto”, engade Dafonte. Nese mesmo senso, o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, incide en que con esta nova titulación “inténtase seguir consolidando á facultade como un referente na xestión da comunicación” e facelo ademais "no ámbito onde hai unha maior demanda de profesionais”. Nese senso, Baamonde pon o acento na “orientación fundamentalmente profesional” dun posgrao que responde “a unha demanda existente en Galicia” de formación especializada neste eido e que á vez “compleméntase perfectamente coas titulacións de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual”, dous dos graos que se imparten nesta facultade. 

Estratexia e creación

Baixo estes dous termos articúlanse os dous módulos principais dunha titulación que, por unha banda, porá o foco na importancia do “pensamento estratéxico” na xestión das redes sociais. “O ámbito dos medios dixitais online implica un campo bastante grande de especifidades”, salienta Dafonte, quen lembra, por exemplo, que cada rede social ten unhas particularidades diferentes “tanto a nivel de investimento, como de alcance, do perfil da xente á que podes chegar e o que podes obter desa rede”. Nese senso, “a estratexia ten que ver con coñecer eses comportamentos dos usuarios nas redes, as condicións de contratación e formatos dispoñibles en cada unha delas, coa definición de como debe comunicar a nosa marca con como responder a crises en redes sociais”, pero tamén, engade, coa articulación dos contidos nos que se vai ver plasmada esa estratexia. 

De aí que a creación sexa o outro eixo desta titulación, que engloba materias de fotografía, vídeo ou infografía centradas precisamente nos aspectos específicos que implica a súa difusión a través de internet. “Hoxe en día todo o mundo é consciente da importancia que ten crear contidos de calidade, comunicar con calidade as cousas que fas, e sabemos, por exemplo, que nas redes sociais as gráficas, fotografías ou vídeos xeran unha maior conexión cos teus públicos que o texto”, salienta Dafonte, que incide nese senso en que o propósito deste posgrao é precisamente formar profesionais "versátiles" que poidan abordar estes dous ámbitos. 

Manifesto da comunicación non hostil

Coincidindo coa celebración, este xoves 17, tanto do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, desde a coordinación deste máster veñen de impulsar a tradución ao galego do Manifesto da comunicación non hostil, un decálogo impulsado por unha asociación italiana que está a ser traducido a diferentes idiomas. “O virtual é real”, “os insultos non son argumentos” ou “o silencio tamén comunica” son tres dos puntos deste decálogo dirixido a “promover que sexas consciente de cando te expresas por internet, hai unha persoa ao outro lado da pantalla”, como apunta Dafonte, que trasladou a proposta de tradución realizada polo mestrado á asociación promotora, Parole Ostili, co propósito de que se sume ás versións en 12 idiomas que ofrecen actualmente na súa web.