DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Egresados e ex- reitores foron galardoados no primeiro encontro que celebrou a comunidade

A Comunidade Alumni-UVigo faise visible nunha tarde de premios e reencontros 

1000 persoas integran a asociación que pretende manter o vínculo coa institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/07/2022

Ano e medio despois de que se iniciasen os trámites para súa creación, máis de 1000 persoas integran a Comunidade Alumni-UVigo, que esta tarde celebrou por vez primeira na súa historia, a entrega de premios aos seus membros máis destacados e un encontro posterior. Egresadas e egresados de todas as titulacións oficiais e do Programa Univesitario de Maiores, estudantes de intercambio, PDI e PAS, conforman esta comunidade,  integrada por un 51% de mulleres e por un 84% de membros que residen en España.

A praza Erasmo foi o escenario desde as 19.00 horas deste 13 de xullo da entrega dos Premios Alumni nas categorías de Emprendemento,Traxectoria Profesional, Humanidades, Impacto Social e Investigación, aos que concorreron 80 egresadas e egresados e que finalmente galardoaron o labor persoal e profesional de cinco deles: Bibiana Rodiño Janeiro, María Luz Abeijón Vidal,  Martín Rodríguez Vázquez, Andrea Ruzo García e  Belén Riveiro Rodríguez. Pola súa banda, os cinco ex reitores da UVigo, Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia foron recoñecidos como Alumni UVigo Honorífico polos seus méritos no desenvolvemento da institución académica, mentres que José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, converteuse no primeiro Alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa institución.

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, foi a primeira en intervir no acto de entrega dos galardóns, no que lembrou que a Comunidade Alumni-UVigo creouse “co obxectivo principal de xerar un novo espazo de comunicación que permita non só manter activo o vínculo entre a Universidade de Vigo e as persoas tituladas ou outros colectivos que mantivesen vinculación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro do usuariado que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Unha finalidade, para a que Caparrini sinalou que se está a traballar en cinco liñas estratéxicas: formación ao longo da vida; vantaxes no servizos da UVigo; programas Alumni-UVigo o que os egresados poden participar e colaborar coa institución asumindo diferentes roles como mentor, embaixador ou mecenas; rede Alumni e encontros da Comunide Alumni. 

Premios para as e os mellores egresados

A enxeñeira industrial con especialización en Enxeñaría Mecánica, pola Universidade de Vigo, Bibiana Rodiño Janeiro foi a gañadora do Premio Alumni-Uvigo Emprendemento, ao que tamén concorrían Patricia García González e Marco Antonio Iñarrea Santomé. Bibiana Rodiño é fundadora e CEO de “BETA Implants”, empresa de enxeñería que desde 2019 deseña, desenvolve, fabrica e comercializa implantes específicos para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. Pola súa banda, o Premio Alumni-UVigo na modalidade Traxectoria Profesional, ao que tamén concorrían Sonia López Villar e Fernando González Abeijón, recaeu en María Luz Abeijón Vidal. Enxeñeira industrial, traballou en industrias referentes (automoción, enerxía e petróleo) en cinco países e dirixiu equipos internacionais en cinco continentes. Única enxeñeira líder, muller e estranxeira do seu equipo de traballo, María Luz Abeijón actualmente desenvolve a súa profesión en Houston, como experta internacional líder en xestión de calidade na industria petroleira. 

No acto celebrado esta tarde, que foi conducido pola docente e investigadora da FFT Susana Barcia, Martín Rodríguez Vázquez recibiu o Premio Alumni-UVigo Humanidades. Graduado en Educación Primaria, os seus traballos exhibíronse en máis de 50 festivais de cinema de todo o mundo, en países como Grecia, Francia, Colombia, Brasil ou Arxentina . Gañador de varios galardóns, como o Premio ao Mellor curto galego no Festival Fancine de Lemos ou Mellor curto no Festitmage de Catalunya, algúns dos seus videoclip emitíronse pola MTV , ademais de ser seleccionado como os mellores videoclips nacionais. Nesta categoría, Román Corbato e Rosanna Ojea competiron polo galardón con Martín Rodríguez. Mentres, o Premio Alumni-Uvigo Impacto Social foille entregado a Andrea Ruzo García, licenciada en Tradución e interpretación, que leva máis de 12 anos traballando no deseño e na implementación de proxectos de sustentabilidade social e ambiental en todo o mundo. En 2020 cofundou FieldsData, unha organización galardoada pola Cruz Vermella, que busca aumentar a transparencia do sector humanitario. Seleccionada polo Banco Santander como unha das líderes con maior potencial do ano 2020, dende hai poucos meses dirixe a Fundación Ecoalf. María de las Nieves Márquez Abralde e Jorge Fortes Nogueira foron os outros dous finalistas a esta categoría.

Belén Riveiro Rodríguez recibiu o Premio Alumni-UVigo Investigación, ao que tamén concorrían Mónica Carrera Mouriño e Víctor Arufe Giraldez. Enxeñeira Técnica Forestal e doutora pola Universidade de Vigo, Belén Riveiro foi investigadora principal en varios proxectos en concorrencia competitiva de programas nacionais e internacionais, publicou máis de 80 artigos científicos, e é autora de sete patentes (tres delas con contrato de explotación). Galardoada cunha Medalla Juan López de Peñalver da Real Academia de Enxeñería nos Premios a Mozos Investigadores, tamén recibiu o Premio á Investigación 2006 da Deputación de Pontevedra na categoría Tese de Licenciatura e Proxectos Fin de Carrera en Ciencia e Tecnoloxía. 

Galardóns para o pioneiro dos Alumni e para os ex reitores

Cos recoñecementos Alumni-UVigo honorífico e Alumni-UVigo distinguido, a Universidade recoñeceu hoxe, no primeiro caso, aos ex reitores Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia polos seus méritos no desenvolvemento da institución académica. Mentres Espada lembrou que desde a súa creación e ata a actualidade na UVigo tituláronse preto de 110.000 persoas; Rodríguez Vázquez agradeceu o galardón e destacou a importancia deste acto como os que “fan universidade”. Pola súa banda, Docampo referiuse ás dificultades que leva implícito o cargo de reitor, aegurando que “para chegar onde estamos agora hai que levar machete. Son tempos duros, nos que fixo falta que todo o mundo colaborara”, dixo o ex reitor que se referiu ao alumnado como “o mellor patrimonio que ten a universidade”. Mentres, Alberto Gago e Salustiano Mato, que non asistiron de xeito presencial ao acto desta tarde, gabaron a través de cadanseu vídeo, no primeiro caso, a decisión da Reitoría de poñer en marcha a Comunidade Alumni- UVigo, “unha liña estratéxica, continuamente adiada por outras máis perentorias”, dixo Gago, que cualificou de honra a súa distinción. Mato agradeceu o recoñecemento, ao tempo que asegurou que “foi unha honra ter traballado e servido á Universidade os anos que me tocaron”.  

No primeiro acto celebrado pola Comuidade Alumni- UVigo, José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, foi recoñecido como Alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa institución. O presidente do Consello Social da UVigo foi o encargado de entregarlle o galardón a Franco, no que exemplificou o traballo desenvolvido por moitas outras persoas que fixeron posible a constitución dunha comunidade alumni, ao tempo que gabou a importancia das e dos egresados que “son o mellor camiño para que a universidade medre en aprecio, confianza e valoración social. Relacións, influencias e afectos”, dixo Pedrosa. O presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, José María Franco, incidiu no seu discurso na importancia da internacionalización da institución académica, que este curso acolleu máis de 600 alumnos e alumnas estranxeiros, así como no valor do traballo realizado polos consellos sociais . 

O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de pechar o acto cunha intervención  na que se recoñeceu herdeiro do traballo feito polos seus antecesores no cargo, ao tempo que felicitou aos alumni premiados e a José María Franco. Reigosa rememorou a creación da UVigo hai máis de 30 anos, así como as súas orixes nas escolas de Comercio e Peritos e posteriormente nos colexios universitarios e referiuse á “proximidade, ao compromiso coa contorna e á aposta pola calidade” como os piares dunha universidade “competitiva e comprometida cos temas sociais”,que se atopa, logo de tres décadas de existencia, entre as 500 ou 600 mellores do mundo. O reitor rematou a súa intervención lembrando as tres liñas de futuro básicas da institución: a aposta pola lingua e cultura galegas, a internacionalización e a igualdade.