DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario organizado polo grupo EPhysLab

A comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do software DualSPHysics reúnese no campus

O modelo é referente en simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 29/01/2026

O campus de Ourense acolle desde o martes e ata este xoves a celebración do 8th DualSPHysics Workshop. Nel, dáse cita a comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do software DualSPHysics, creado polo grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo en colaboración coa University of Manchester (Reino Unido), a Università degli Studi di Parma (Italia), a Universitat Politècnica de Catalunya e o New Jersey Institute of Technology (EEUU). 

O diálogo entre as persoas participantes ten como obxectivo continuar mellorando esta ferramenta, que desde o seu lanzamento en 2011 tense convertido nun referente na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, acumulando máis de 165.000 descargas e sendo empregada desde entón por todo tipo de entidades públicas e privadas, entre elas a NASA. “Estamos moi contentos coa acollida do workshop. Toda a xente que participa usa o noso modelo ou ten interese en usalo e quere aprender cales son as mellores opcións para as súas necesidades”, explica José Manuel Domínguez, responsable do comité organizador. O evento, engade, “poñe en contacto á xente que desenvolve o modelo cos seus usuarios”, o que permite a estes últimos ver cales son as mellores opcións para os seus casos concretos de aplicación e aos primeiros coñecer as necesidades das persoas usuarias. Este diálogo, sinala, “permite que o modelo vaia medrando e mellorando en función das necesidades da xente que o emprega”, sendo hoxe en día “un código grande que conta cun consorcio de universidades detrás”. 

70 participantes de 17 países

O 8th DualSPHysics Workshop está organizado por EPhysLab, pertencente ao Centro de Investigación Mariña, e ten lugar no edificio Politécnico do campus, contando coa asistencia de case 70 especialistas de universidades e empresas de 17 países (España, Austria, Bélxica, Canadá, Chile, China, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, Panamá, Portugal, Arabia Saudí, Eslovenia, Suecia, Reino Unido e Estados Unidos). O perfil de asistentes é persoal investigador de universidades e enxeñeiras e enxeñeiros de empresas tecnolóxicas, principalmente de enerxía, hidráulica, enxeñaría costeira e software científico. Os obxectivos do encontro son reunir á crecente comunidade internacional de usuarios e desenvolvedores de DualSPHysics; presentar os últimos avances do código e as liñas futuras de desenvolvemento; favorecer o intercambio directo entre persoal investigador, desenvolvedores e usuarios industriais e permitir que as e os participantes presenten os seus propios traballos e aplicacións. “Este workshop sitúa a Ourense como punto de encontro internacional en computación científica avanzada aplicada a problemas de enxeñaría e medio ambiente”, explica José Manuel Domínguez.

A programación arrancou día 27 cunha xornada de formación práctica para persoas usuarias de DualSPHysics e outra para desenvolvedores e continuou os días 28 e 29 cun dilatado programa de conferencias, sesións técnicas de comunicacións científicas, sesións específicas de desenvolvedores e panel de discusión. Ao longo das sesións abordáronse diferentes aspectos do citado sofware e temas de hidrodinámica costeira e interacción estrutural; SPH aplicado á industria e medio ambiente; métodos e aplicacións de SPH de resolución múltiple; estratexias de modelado e PTO para convertidores de enerxía undimotriz; estruturas flotantes e dinámica de amarre; dinámica de chapoteo e validación experimental; modelado SPH multifásico; e avances numéricos e temas especiais de modelado en SPH.

Versión 6.0

DualSPHysics, explican desde o comité organizador, é un software científico open-source de simulación numérica baseado no método SPH (Smoothed Particle Hydrodynamics, hidrodinámica de partículas suavizadas). Trátase dun modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras ou dispositivos flotantes no mar. Na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais, é un referente internacional. As súas principais aplicacións están en enxeñaría costeira e portuaria; enerxía mariña e offshore; estruturas flotantes e sistemas de amarre; interacción fluído-estrutura e dinámica de fluídos computacional e supercomputación con GPU. Software de código aberto, actualmente está dispoñible para descarga a súa versión 5.4 e no evento presentáronse os avances da nova versión, a 6.0, que se distribuirá entre as e os asistentes como unha versión beta e que será lanzada oficialmente dentro duns meses.  

A celebración deste encontro, engaden por último desde a organización, “reforza o papel do grupo EPhysLab e da Universidade de Vigo como referentes internacionais no ámbito da simulación numérica e a modelización ambiental e mariña”. Ademais, detallan, dá continuidade ao traballo do grupo organizador nesta temática, tendo previamente organizado en Ourense outros eventos internacionais relacionados con SPH (como Spheric 2017, varias edicións do Iberian Workshop Advances on SPH, cursos CPD, etc.) e publicado máis de 90 artigos JCR neste eido.