DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu un obradoiro para aprender a manter a correcta posición do corpo

A comunidade universitaria aprende a previr as lesións posturais

Un fisioterapeuta achegou pautas sinxelas para o día a día

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Ana Proupín DUVI 28/11/2018

As longas xornadas laborais e as incorrectas posturas que a poboación adopta durante esas horas repercuten en lesións no presente pero tamén supoñen un risco para o futuro. Aprender a corrixir as posturas incorrectas é básico para previr futuras lesións e neste obxectivo centrouse o obradoiro que, este mércores, acolleu o campus de Vigo, organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Mapfre e a Red Española de Universidades Saludables (REUS). O obxectivo deste taller é ensinar á comunidade universitaria a manter a correcta posición do corpo, tanto queda como en movemento, para poder evitar posibles lesións e protexer a columna vertebral ao realizar as actividades cotiás. O encargado de impartir o curso foi Daniel Soler, fisioterapeuta titulado pola UVigo, que se centrou en que as e os asistentes tomasen consciencia da postura e das limitacións de mobilidade e aprendan a seguir pautas sinxelas que repercutan favorablemente na mellora do axuste postural e na diminución do risco de padecer lesións ou dor tanto no eido deportivo coma no día a día.

O vehículo humano e o seu estado

A xenética e as características antropométricas dunha persoa delimitan de por si a mobilidade e a postura pero, a maiores, a actividade laboral e as afeccións condicionarán a estática e a dinámica.  As persoas que asistiron ao obradoiro, preto dunha vintena, puideron facer unha autoavaliación dirixida da súa funcionalidade para poder comprender as súas predisposicións a padecer determinadas lesións, coñecer as súas limitacións e aprender a traballar a postura para acadar unha funcionalidade óptima. “O corpo humano é como un coche: as características de serie son as xenéticas pero a vida media do coche non depende dos quilómetros, senón do uso que se faga deste. A saúde postural vai condicionar a calidade de vida, polo que é necesario darlle a importancia que merece”, sinala Daniel Soler, docente do obradoiro. Pero segundo o fisiterapeuta “coñecer as limitacións de mobilidade non é algo doado, xa que a miúdo os procesos con orixe postural son dexenerativos porque estas limitacións só se deixan ver cando o dano xa está feito ou cando se incrementa bruscamente a actividade. Seguindo co exemplo do coche, Soler afirma que “se a dirección non está equilibrada, podemos conducir sen problema, pero se comezamos a viaxar asiduamente veremos como os pneumáticos se gastan e temos que reparalos ou cambialos con frecuencia”. As posibles solucións a este problema, segundo o experto, son enfocar o tratamento como paliativo e gastar cartos nos pneumáticos, ou ben manter en bo estado a dirección do coche e revisalo periodicamente.

Recomendacións para a comunidade universitaria

Sobre a orixe das doencias posturais, existe a falsa crenza de que as doenzas posturais xorden por non saber cargar peso cando en realidade, son as persoas que pasan a maior parte da súa xornada sentadas as que teñen unha maior predisposición a padecer patoloxías dexenerativas discais e articulares lumbares, polo que no ámbito académico é importante combinar estudio con mobilidade. “Todos deberiamos preocuparnos pola hixiene postural se queremos manter a independencia e a calidade de vida o maior tempo posible”, explica Soler e neste contexto, o sedentarismo é un factor clave. É moi importante ter unha boa conciencia postural, e para iso recomenda “terapias de movemento e actividades como pilates ou ioga xa que permiten traballar a postura e o control tónico do corpo”. Ademais, anima a evitar, na medida do posible, os hábitos sedentarios e a manter as ferramentas que axuden a sentirse ben  e a exercitar o corpo non só cando aparece a dor ou a falta de funcionalidade senón acotío.

Sobre as lesións máis comúns, o terapeuta explica que son as que parten dun déficit de control no tronco debido a unha mala saúde postural, o que ocasiona lumbalxias con diferentes características, lesións ou disfuncións de ombreiro, cóbado , problemas de apoio... “Todo depende da actividade habitual de cada individuo, é dicir, volvemos de novo á saúde postural”, conclúe Soler.