DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas que se celebran este mércores e xoves

A comunidade universitaria conciénciase sobre as infeccións de transmisión sexual

Nun posto de Apoyo Positivo poden realizarse diferentes probas rápidas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 11/02/2026

O campus de Ourense acolle este mércores e xoves unhas xornadas sobre cribado e asesoramento das ITS (infeccións de transmisión sexual), organizadas pola Unidade de Diversidade da UVigo e a oenegué Apoyo Positivo. As xornadas consisten en que o día 11 na entrada do edificio Xurídico-Empresarial e o día 12 na entrada do Politécnico, en horario de 12.30 a 14.30 e de 15.30 a 17.30 h, as persoas interesadas poden achegarse aos postos habilitados por Apoyo Positivo e recibir información útil sobre as infeccións de transmisión sexual e realizar diferentes probas rápidas relacionadas con elas, concretamente de VIH e hepatite C. 

A iniciativa está organizada co gallo da celebración do Día Europeo da Saúde Sexual o 14 de febreiro e dá continuidade a outra similar realizada en novembro no marco da European Testing Week. As xornadas céntranse na saúde sexual, a prevención e ao diagnóstico precoz do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual. “Esta acción enmárcase de xeito pleno na misión da UVigo de contribuír á mellora da vida das persoas a través da transferencia de coñecemento e do acompañamento”, explica Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade. Con ela, engade, refórzase o compromiso institucional “cunha universidade segura, informada e libre de estigmas”. Trátase, engade, de “ir máis aló da simple prevención, dos aspectos de saúde física” e abarcar tamén “o benestar psicolóxico e social en relación coa saúde sexual, orientando e xerando un acompañamento integral a todas as persoas da comunidade universitaria”. 

VIH, hepatites virais e outras enfermidades

No posto habilitado e atendido por Pablo Barrio, de Apoyo Positivo, ofrécense á comunidade universitaria materiais, recursos e asesoramento sobre saúde sexual. Paralelamente, nunha sala próxima pódense realizar probas rápidas de VIH, hepatites virais e outras ITS, ofrecendo un servizo completamente confidencial, de balde e cun tempo de resposta de apenas uns minutos. “O propósito é aumentar o acceso a estas probas de detección, promovendo a importancia de coñecer o estado serolóxico e combater o estigma que aínda rodea estas infeccións”, sinalan desde a organización. A campaña, indican neste senso, “oriéntase especialmente a persoas novas, colectivos con menor acceso aos recursos sanitarios e ámbitos educativos, onde a información veraz e a prevención teñen un impacto directo na saúde pública”. A idea de pór en marcha esta iniciativa “xorde da necesidade de fomentar a detección temperá para facilitar un tratamento rápido e eficaz e, ao mesmo tempo, contribuír a interromper as cadeas de transmisión”.

“A participación activa da Universidade de Vigo nesta campaña reafirma o compromiso da institución coa promoción dunha saúde sexual integral e co acompañamento da comunidade universitaria a través de accións accesibles, nas que a información e os recursos poidan chegar a toda a comunidade coa máxima calidade”, sinala por último Raquel Rey.