DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende esta semana realízanse as probas físicas iniciais nos tres campus

A comunidade universitaria poderá avaliar de balde o seu estado físico

As e os interesados poderán realizar un programa de exercicio de 10 semanas con apoio personalizado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/03/2023

Para poder adoptar hábitos saudables e un estilo de vida máis activo, o primeiro paso é avaliar e tomar conciencia do estado físico e de saúde de cada quen. Para isto, a Área Benestar, Saúde e Deporte acaba de poñer un marcha unha campaña dirixida a toda a comunidade universitaria que comprende tanto unha avaliación previa como un programa de adestramento e asesoramento personalizado.

Dende onte luns todos os colectivos da Universidade de Vigo poden solicitar de balde a través de Campus Activo unha cita en calquera dos tres campus para a avaliación da condición física tomando como referencia unha antropometría, que será realizada polo persoal técnico titulado das salas de cardio-fitness e para o que se valerá dun Analizador de Composición Corporal (Tanita). A avaliación vai acompañada dunha entrevista personalizada na que se tratará de identificar as necesidades e obxectivos de cada persoa.

A campaña, bautizada como Que hai de novo, corpo? pretende, como explican dende a área, “animar ás persoas da comunidade universitaria a tomar conciencia do seu estado de saúde física e a desenvolver un estilo de vida máis activo”, poñendo o foco especialmente naquelas persoas sedentarias que desexen iniciar un cambio no seu estilo de vida.

Programa de adestramento

Unha vez realizado o estudo, ás persoas interesadas ofreceráselles a posibilidade de iniciar un programa de exercicio físico con apoio e asesoramento técnico personalizado cunha duración de dez semanas. Neste caso, será preciso adquirir o abono mUVer correspondente ao segundo cuadrimestre do curso, que inclúe acceso á sala cardio-fitness e ao programa de actividades dirixidas.

O obxectivo do programa é a mellora da condición física, no que respecta tanto á composición corporal como á funcionalidade e á forza, así como do benestar xeral ou a prevención de lesións. Para comprobar a efectividade do programa repetirase a medición inicial transcorridas 10 semanas. Ao longo deste tempo proporase un adestramento de forza de dúas ou tres sesións semanais, xunto cunhas pautas alimenticias básicas e recomendacións de estilo de vida saudable, como camiñar un número mínimo de pasos ao día, evitar o uso continuado do ascensor, non abandonar o medio de transporte no punto exacto do destino final, entre outras.