A institución académica viguesa coordina dous deles
Concédenlle á UVigo catro proxectos Interreg Sudoe financiados con máis de 8 millóns de euros
Abarcan temas como contaminación de augas, xestión de residuos agrícolas ou prevención de incendios
Presentáronse seis propostas e concedéronse catro. Nunca antes a Universidade de Vigo acadara unha taxa de éxito tan elevada nas diferentes convocatorias do Programa Interreg Sudoe, financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, e dedicado á cooperación transnacional. A UVigo coordina dous destes proxectos, financiados con 3,21 millóns de euros, e participa noutros dous cuxo financiamento roza os 5 millóns. Son en total máis de 8 millóns de euros dos que preto de 700.000 lle corresponden de xeito directo á institución académica viguesa.
Os proxectos aprobados son froito de consorcios compostos por socios públicos e/ou privados procedentes de rexións de diferentes países do sudoeste europeo, incluíndo España, Portugal, Francia, Xibraltar e Andorra. Presentáronse a este programa un total 144 propostas, das que finalmente se concederon 34, en catro das cales participa a Universidade de Vigo: por unha banda, Aquapred, Sistema de control e prevención de contaminantes en augas mineromedicinais mediante Intelixencia Artificial, e NewPower, Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables, coordinados ambos pola Universidade de Vigo, e, pola outra, Alert-PFAS, Estratexia transnacional para detectar e previr a contaminación por PFAS, e Use4Forest, Estratexia para a prevención de incendios no Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais.
“Está claro que a UVigo xa ten un nivel de excelencia moi aceptable e o noso persoal investigador é quen de acadar este financiamento europeo”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación Belén Rubio, quen se amosou “enormemente satisfeita”. A maiores fai tamén referencia ao traballo do persoal técnico e administrativo da Oficina de Proxectos Internacionais, OPI, “que coa súa dirección e axuda aos investigadores e investigadoras fomentan o éxito nestas convocatorias”. A modo de exemplo, a vicerreitora indica que “no que vai de ano presentáronse xa un total de 87 propostas de proxectos europeos nas que participa a Universidade de Vigo, 53 no programa Horizon Europe, que é un dos máis esixentes”.
Aquapred, control de contaminantes mediante IA
Financiado con 1,87 millóns de euros e dirixido desde a UVigo polo profesor José Luis Legido, Aquapred é un consorcio formado por 15 entidades españolas, portuguesas e francesas que inclúen universidades como a Universidade da Coruña ou as universidades de Bordeaux e Pau; o Instituto Politécnico de Bragança, o centro de valorización AquaValor; institucións como a Axencia Turismo de Galicia, comunidades municipais e intermunicipais do norte de Portugal, e numerosas entidades do sector termal como os balnearios de Augas Santas e O Raposo, a cadea Caldaria, e o clúster termal francés Aqui O Thermes.
Aquapred, segundo explicaron os seus responsables na presentación oficial no Balneario Termal de Laias hai unhas semanas, é un proxecto multiterritorial e multidisciplinario enfocado á monitorización e control da auga termal/mineromedicinal dos balnearios e á predición de contaminantes, baseándose na dixitalización dos datos en tempo real dos parámetros fundamentais da auga mineromedicinal e a análise continua de ditos datos por un sistema de Intelixencia Artificial. Este sistema, tal e como detallaron na presentación, permitirá realizar “un control preventivo automático sobre os elementos de tratamento da auga que non afecte ás súas propiedades medicinais e desenvolver un modelo de deep learning que permita predicir a posibilidade de aparición de contaminantes en ditas augas (como a lexionela ou a e. coli)”.
NewPower, valorización integral dos residuos agroforestais
No caso de NewPower, Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables, dirixido polo catedrático da Facultade de Ciencias Gil Garrote e financiado con 1,34 millóns de euros, aborda problemáticas relacionadas coa alta xeración de residuos agrícolas e forestais que contribúen a causar incendios. Das 20 entidades que forman o consorcio, 11 reciben financiamento e 9 participan como asociadas. Os socios inclúen centros de I+D de Bragança, Braga, Toulouse, Povoa de Varzim, Abrantes ou Viseu; e empresas e cooperativas forestais con actividade no sur de Francia, norte de Portugal e noroeste español.
O obxectivo é contribuír á xestión sostible de residuos agrícolas e forestais desenvolvendo procesos de conversión para a produción de enerxías renovables e novos produtos de alto valor engadido. Os produtos biofuncionais poderán ser utilizados nas industrias alimentaria, farmacéutica, biotecnolóxica e na agricultura ecolóxica.
Alert-Pfas, reducir a contaminación das escumas retardantes utilizadas contra os incendios
Coordinado pola Universidade Nova de Lisboa e financiado con 1,9 millóns de euros, Alert-Pfas, Estratexia transnacional para detectar e previr a contaminación por PFAS, vai dirixido a deseñar e implementar unha estratexia transnacional para detectar e previr a contaminación por PFAS, substancias perfluoroalquiladas y polifluoroalquiladas contidas nas escumas retardantes utilizadas contra os incendios, nos espazos naturais Sudoe, así como a mitigar os seus efectos na biodiversidade dos ecosistemas e o cambio climático.
Con socios de España, Portugal e Francia, na UVigo coordina o proxecto o catedrático do Departamento de Física Aplicada Manuel Martínez Piñeiro.
Use4Forest busca mellorar a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais
O proxecto que conta con maior financiamento, case 3 millóns de euros, é Use4Forest, Estratexia para a prevención de incendios no Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais, coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte (Xunta de Galicia), e que conta con socios, ademais, de España, Portugal e Francia. Coordinado na UVigo polo director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, o obxectivo deste proxecto é propoñer unha estratexia para a prevención de incendios no Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais baseada en tres fases: coñecemento exhaustivo dos condicionantes do problema; desenvolvemento, proba e demostración nos territorios participantes de ferramentas innovadoras para a prevención, xestión e anticipación dos incendios forestais; e a súa transferencia e capitalización a escala Sudoe.