DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o sábado na zona de Barbantes

O Concello de Cenlle, escenario do Campionato Galego Universitario de Orientación

Arredor de 375 persoas participarán nos distintos eventos que se celebrarán

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 03/05/2019

O deporte de orientación ten este sábado varias citas de relevancia no Concello de Cenlle. A localidade ourensá acollerá a celebración do Campionato Galego Universitario desta modalidade, organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo e a sección de orientación do Club Peña Trevinca Barco, contando coa colaboración da Federación Galega de Orientación. Aproveitando este evento, tamén terá lugar no mesmo enclave o XI Campionato Galego Escolar de Orientación a Pé. Arredor de 375 persoas participarán nestas citas deportivas.

No Campionato Galego Universitario de Orientación participarán membros das comunidades universitarias das tres institucións académicas de Galicia (alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador sen límite de idade). Concretamente competirán 75 persoas, 35 da Universidade da Coruña; 25 da Universidade de Santiago de Compostela e 15 da Universidade de Vigo. A cita, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable da área organizadora no campus de Ourense, celébrase nun momento no que “a modalidade de orientación está tendo un auxe moi importante”, contando a Universidade de Vigo cunha sección federada no campus de Vigo dirixida por José Luis Armada “que está tendo moi bos resultados”. Entre as claves do éxito deste deporte, apunta Alberte Pivida, está o feito de que “é unha modalidade moi completa xa que ademais do interese deportivo desenvólvese polo xeral no medio da natureza, neste caso nunha zona espectacular ao carón do río Miño, e implica tamén o uso de destrezas mentais”. A competición volve á provincia de Ourense despois de terse celebrado no ano 2016 no Carballiño.

Aproveitando a organización e infraestrutura deste campionato universitario, adicionalmente haberá dous percorridos de orientación a pé para persoas federadas, un para nenas e nenos de 8 a 12 anos e outro técnico de nivel avanzado. Ademais, arredor  de 300 nenos e nenas competirán no XI Campionato Galego Escolar de Orientación a Pé. Entre elas e eles estarán as e os clasificados no Campionato Provincial Escolar de Orientación de Pontevedra, pertencente ao programa Xogade da Xunta de Galicia, que se celebrou o pasado 13 de marzo no campus de Vigo e no que participaron 300 nenos e nenas de oito centros educativos.