DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha declaración institucional do seu pleno aprobada este luns

O Concello de Ourense apoia a candidatura da cidade como sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial

Nela destacan o papel da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 12/09/2022

O Pleno do Concello de Ourense aprobou este luns en sesión extraordinaria  unha declaración institucional de apoio á candidatura da cidade de Ourense como sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA). A súa declaración súmase ao apoio manifestado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense a esta proposta.

O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, deu lectura ao texto, que previamente consensuaron os grupos políticos municipais, no que se expresa o apoio unánime de todos os grupos a que a cidade sexa a sede deste novo organismo. Na declaración, sinálase que “no contexto galego e estatal, a cidade de Ourense cumpre sobradamente os requisitos para acoller esta axencia e outros organismos análogos, tanto do sector público estatal como da comunidade galega, resultando evidente que a implantación da AESIA e doutros órganos administrativos relevantes en Ourense sería un pulo para a economía e demografía ourensá”.

O papel da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Máis particularmente, engádese no texto, “Ourense leva anos ligada á tecnoloxía e á innovación a través da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI), centro de referencia nacional por méritos propios, sendo o primeiro centro de Enxeñaría Informática de Galicia en obter o selo de calidade Euro-Inf para a titulación de Graduado/a en Enxeñaría Informática, que acredita o cumprimento dos estándares europeos no ámbito”. Tamén se pon de relevo no documento, entre outros factores, a posta en marcha do mestrado e do grao de Intelixencia Artificial este curso académico nesta escola do campus de Ourense.

Asemade, recóllese na declaración, “a presencia desde hai décadas da ESEI na capital ourensá, propiciou a creación e asentamento de empresas do sector tecnolóxico na propia cidade e nos parques empresariais da área metropolitana, constituíndose sociedades que, en boa parte, acollen os profesionais formados por este centro”. Grazas a isto, engádese no texto, “a capital provincial conta cun amplo tecido de profesionais e servizos, que está preparado para recibir e prestar o apoio que precisa a AESIA”. Na declaración, alén de expor a idoneidade da proposta de Ourense, sinálase que “o apoio da corporación municipal ao desenvolvemento dos proxectos da IA é público e notorio, sendo unha posibilidade real a cesión das instalacións do Centro La Molinera para acoller a propia AESIA”.