DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Concello priorizará á Universidade nos encargos de I+D

Caballero explicou que dos 185 proxectos realizados dende 2005, soamente 7 foron executados pola ins

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Jorge Fernández DUVI 09/10/2007

A primeira entrevista institucional entre o Reitor e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, saldouse con importantes avances en materia de infraestruturas e bibliotecas, se ben os máis destacados foron os acordos no eido da investigación. Segundo afirmou o propio Caballero, o Concello reformulará o modo de facer os encargos de estudos e proxectos para outorgar prioridade á Universidade “pola súa enorme potencialidade”, de modo que se poña fin á baixa cifra de iniciativas encomendadas á institución nos últimos anos. Segundo expuxo o alcalde, dos 185 proxectos asignados dende o ano 2005, soamente 7 foron ou están sendo executados actualmente polos grupos de investigación da Universidade. “Como sempre, dicímoslle a todo o mundo que as nosas portas están abertas a todos e que para isto dispoñemos de máis dun milleiro de doutores”, afirmou o Reitor.
Ao mesmo tempo, Alberto Gago e Abel Caballero aseguraron que estudarán a viabilidade de elaborar un convenio a través do cal se reinvirtan os cartos que a Universidade aporta ao Concello, mediante o cálculo das taxas e impostos que a institución destina ás arcas municipais, materializándose tamén en encargos de I+D.

Bibliotecas e infraestruturas

Co propósito de solucionar as “avalanchas de estudantes na biblioteca de Peritos”, como sinalaba Gago, os dous mandatarios acordaron analizar un posible intercambio de recursos informáticos entre os centros de estudo municipais e os universitarios. “Poremos todo o software de bibliotecas a disposición dos usuarios, de maneira que todas as prestación de acceso e de tipo informático estarían garantidas”, explicou o Reitor.
Alberto Gago pedíu tamén ao alcalde o seu apoio para unha vella reivindicación: a unión da autoestrada Vigo-Baiona co campus, unha “necesidade perentoria”, segundo Caballero, “que sería de grande interese para a cidade”.