DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abel Caballero recibiu a Manuel Reigosa e a parte do seu equipo de goberno 

Concello e Universidade acordan buscar fórmulas para desbloquear a débeda e mellorar o transporte ao campus

O reitor destaca “a plena sintonía” co alcalde 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/06/2018

Tres días despois da súa toma de posesión, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado de varios membros do seu equipo de goberno, mantivo esta tarde un encontro co alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que os responsables de ambas as dúas institucións manifestaron a súa intención de buscar fórmulas de colaboración para desbloquear a débeda que a institución académica mantén coa administración local en relación co pago do IBI, así como para mellorar o transporte público ao campus vigués. Tras felicitar a Reigosa e manifestar a súa expectativa de que vai “ser un gran reitor”, Abel Caballero expresou o seu desexo de cooperación coa universidade “en todo o que sexa posible”. Pola súa banda, o reitor confirmou a “sintonía plena” que se produciu co rexedor municipal, “porque ambos amamos a cidade e queremos construír unha universidade mellor”, dixo Reigosa. O reitor manifestou o seu desexo e que a institución académica estea máis involucrada na cidade para o que cómpre “facer un esforzo conxunto para que a cidadanía se sinta orgullosa da institución que se soporta cos seus impostos”, asegurou.

Na procura e acordos para potenciar a Universidade 

O alcalde de Vigo avanzou que ambas as dúas institucións van iniciar “fórmulas para desbloquear a débeda que a Universidade ten co Concello” e destacou a vocación de acordo que teñen ambas as dúas partes. “Dentro do marco da lei todo é posible e todo vai ser utilizado para buscar un acordo porque queremos potenciar a universidade”, dixo Caballero, que asegurou estar disposto a buscar fórmulas que permitan á institución académica a máxima capacidade de actuación”, sinalou. A Universidade aboa anualmente ao Concello de Vigo en concepto de Bens Inmobles uns 500.000 euros.

O alcalde de Vigo, ademais de manifestar a intención do executivo local de participar en máis proxectos de investigación da institución académica, como xa se está a facer no caso das Illas Cies, fixo súa a demanda do reitor para mellorar o transporte municipal entre a cidade e o campus, para o que, aproveitando que o vindeiro ano deberá producirse unha nova concesión, “faremos unha proposta á concesionaria para que o servizo sexa máis fluído e rápido”, explicou Caballero