DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As vicerreitoras Belén Rubio e Mónica Valderrama reuníronse este martes co alcalde

O Concello de Vigo compromete o seu apoio á UVigo na organización do congreso EUNIS e dun simposio sobre ciencia aberta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/11/2022

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, mantiveron este martes unha xuntanza co alcalde de Vigo, Abel Caballero, na procura de acadar o apoio do Concello para a celebración de dous congresos que a Universidade de Vigo vai organizar o vindeiro ano na cidade. Entre ambos eventos agárdase a participación de 600 persoas.

Por unha banda, o rexedor, que estivo acompañado pola concelleira de I+D e Dinamización Administrativa, Ana Mejías, comprometeu o apoio municipal á celebración do EUNIS2023, o congreso da European University Information Systems, EUNIS, que se celebrará entre os días 14 e 16 de xuño no auditorio Mar de Vigo. EUNIS é a organización europea de sistemas de información universitarios, cuxo principal obxectivo é axudar ás institucións membros a desenvolver os seus sistemas informáticos, compartindo experiencias e traballando xuntos. O congreso celebrase baixo o título European Universities and the digital transformation: Challenges and opportunities ahead e será o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior. De feito, esta prevista a participación de máis de 200 persoas chegadas de diferentes países europeos, que abordarán un amplo abano de temáticas, como as vicerreitoras lle adiantaron ao alcalde.

Por outra banda, o rexedor tamén amosou o apoio á celebración dun congreso sobre open science ou ciencia aberta, que está a organizar a Universidade de Vigo para o mes de maio. Este evento aínda non ten pechadas as datas concretas nin o lugar de celebración, aínda que dende a organización está a traballar para contar coa presenza no mesmo da ministra de Ciencia, Diana Morant.