DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova responsable destaca a súa especialización tecnolóxica con características únicas en Galicia

Concepción Paz, directora de Cintecx: “O centro aspira a defender unha capacidade de investigación competitiva no marco europeo sen deixar as esferas locais e rexionais”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 27/10/2020

10 grupos de investigación industrial, dos que sete están recoñecidos pola Xunta de Galicia como grupo de referencia competitivo e outros dous como grupos de potencial crecemento, integran o Centro de Investigacion en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, que encara unha nova etapa baixo a dirección da docente e investigadora do Grupo de Tecnoloxía da Enerxía da UVigo Concepción Paz Penín (Ferrol,1969). “É unha honra que o reitor confiase en min para este reto tan apaxionante. Se ben trae aparellado un traballo moi duro, estou segura de que será tamén gratificante e enriquecedor, tanto desde o punto de vista profesional como investigadora e agora tamén como xestora, como persoal”, sinala Concepción Paz, que se incorporou como profesora ao Departamento de Enxeñaría Mecánica, Maquinas e Motores térmicos de fluídos da Universidade de Vigo no ano 1997.

Concepción Paz, que toma a remuda de José Luis Martínez Lastra á fronte do centro no que desenvolven a súa actividade máis de 160 investigadoras e investigadores, dos que preto dun centenar son doutoras e doutores, considera que “o potencial humano é enorme, así como as capacidades de investigación e transferencia que os grupos amosaron nos últimos anos”. A especialización tecnolóxica de Cintecx en seis áreas (electrónica e automática; fabricación e materiais; enerxía; transporte; enxeñaría biomédica e sostenibilidade e recursos naturais) directamente relacionadas cos sectores clave na dinamización da economía local e rexional (automoción, naval, pedra, investigación sanitaria, agroalimentaria…) “convérteno nun centro diferenciado con características únicas en Galicia”, asegura a súa nova directora, que, tamén destaca a aspiración do Cintecx “a defender unha capacidade de investigación competitiva no marco europeo, sen deixar de lado as esferas locais e rexionais”.

A acreditación da Xunta como centro de investigación

 Procedente dun grupo “onde ademais de coidar a investigación aplicada á enxeñaría de fluídos e térmicos, existe unha clara vocación de transferencia ao sector produtivo, moi en liña coa filosofía e razón de ser de Cintecx”, Concepción Paz sinala como primeiro gran reto que se abordará de inmediato a acreditación da Xunta de Galicia como centro de investigación, para o que incide na necesidade de involucrar a todo o persoal investigador do centro. “Precisamente pola forza dos grupos que compoñen Cintecx e os resultados positivos das súas liñas de investigación, carecía dunha estrutura e visión conxuntas. O proceso de integración iniciouse en 2017 a través do Grupo INEX e pode completarse co recoñecemento da Xunta”, explica a directora, que considera que redundará nunha maior proxección e visibilidade das capacidades conxuntas a todos os niveis: local, rexional e internacional, “de especial importancia en momentos de incerteza para o financiamento de I+D, como o que estamos a vivir como consecuencia da pandemia mundial”, explica.

Cintecx captou o pasado ano un millón de euros de proxectos internacionais; 0.9 millóns de euros de proxectos nacionais e 1,6 millóns de contratos con empresas. No ano 2019 o centro sumou 18 patentes, dúas spin off, 155 publicacións indexadas JCR e 15 teses.