DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación e Traballo Social súmase a esta conmemoración

Un concerto de 2naFronteira e unha exposición para homenaxear a Xeración Nós

A actuación musical terá lugar o venres 30 de outubro no edificio de Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 23/10/2020

Culturalmente, 2020 é en Galicia, entre outras cousas, o ano da celebración do centenario da Xeración Nós. A pandemia provocada polo coronavirus interrompeu de cheo a programación prevista para homenaxear a este colectivo de escritores e intelectuais referentes na cultura e a lingua galegas. Co obxectivo de, a pesar das dificultades, non rematar o ano sen unirse a esta efeméride, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle unha exposición e celebrará o día 30 de outubro un concerto do dúo musical italo-galego 2naFronteira, formado por Carmen Penim como voz e Maurizio Polsinelli ao piano.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, “neste momento tan complicado tamén para o mundo da cultura parecíanos que non debía pasar desapercibido o centenario da Xeración Nós”. Así, subliña, “unha facultade coma a nosa, onde formamos futuros educadores e educadoras, debe ter sempre a tradición e o patrimonio cultural galego no horizonte”, lembrando como este compromiso se materializa en iniciativas como “a aposta polos graos en galego”. “Non quixemos pasar de largo este centenario, a pesar das dificultades provocadas pola covid-19, porque parecíanos que era algo importante na formación dos nosos estudantes”, apunta o responsable académico.   

Da música á historia

O acto principal desta homenaxe, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, consistirá nunha actuación musical de 2naFronteira que leva por título Arredor de nós. Concerto polo centenario da Xeración Nós, que terá lugar o venres 30 de outubro, ás 19.00 h na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro. O concerto poderá seguirse on-line. “Pensamos en 2naFronteira porque nos últimos anos veñen póndolle música a practicamente todos os poetas galegos coñecidos e en particular algúns da Xeración Nós pouco coñecidos pola súa faciana poética, como pode ser Otero Pedrayo, que ten outras dimensións intelectuais moito máis coñecidas pero que tamén ten algún poema”, comenta Xosé Manuel Cid.

No concerto, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli ofrecerán un repertorio de cancións con poemas da revista Nós e tamén poemas de Carvalho Calero. Xa no 2015, no disco Sons de Nós, explican desde o grupo, 2naFronteira homenaxeou “este monumento da nosa cultura, que agora traemos de volta, renovado”. Ademais desta obra musical, o conxunto conta na súa discografía con títulos como Cantos de terra e sal (2020), Herdeiras (2017) ou Zapatiños para Díaz Castro (2014). Un máximo de 40 persoas poderán, previo convite, asistir presencialmente á actuación que terá lugar no campus de Ourense, que será igualmente retransmitida en aberto por Internet.

Complementando este concerto, o edificio de Ferro acolle desde este xoves e ata o remate da actuación musical o venres 30, unha mostra realizada por 2naFronteira sobre a Xeración Nós co obxectivo de “achegar a revista á xente máis nova”. Formada por diferentes paneis, na mostra as persoas interesadas poden coñecer a historia deste colectivo, a súa filosofía e os seus fundadores, concretamente a Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e López Cuevillas. Tamén hai espazo nesta exposición para falar da música e a estética na Xeración Nós e nas súas obras. Ademais, en dous dos paneis o protagonismo é para “elas” e neles os membros da comunidade universitaria poden achegarse a nomes como María Tobío, María del Carmen Sierra ou Sara Leirós.