DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrada é libre e de balde ata completar aforo no auditorio municipal

O Concerto de Nadal da Universidade terá lugar en Ourense o día 12

Coa participación da Orquesta Clásica de Vigo, o violonchelista Álvaro Lozano e os coros do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 05/12/2024

Cada ano a Universidade de Vigo celebra o seu tradicional concerto de Nadal nun dos seus tres campus. Nesta ocasión, o elixido é Ourense. A cita será no Auditorio Municipal o xoves 12 de decembro ás 20.00 h e nela actuará a Orquesta Clásica de Vigo, estando como solista o violonchelista Álvaro Lozano, e contando coa colaboración dos coros infantil e adulto do campus de Ourense. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.  

O concerto está organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo, destacando a súa vicerreitora, Susana Reboreda, que “o obxectivo deste evento é conmemorar, a través da música, coa súa linguaxe universal e atemporal, que pechamos outro ano máis e abrimos a porta ao 2025 con ilusión e confianza”. A responsable académica sinala que esta actividade constitúe “un estupendo contexto para compartir unha experiencia entre os tres sectores da comunidade universitaria e a sociedade, cumprindo a principal premisa desta vicerreitoría: visibilizar que a universidade cumpre unha misión, neste caso no eido cultural, que sae fóra da institución”.

Convidados e programa

A Orquesta Clásica de Vigo, decana de Galicia, é unha formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Nos seus 40 anos de historia, as obras interpretadas superan as 500, facendo sempre unha aposta pola diversidade na música, mesturando propostas actuais e obras consagradas. Polos seus atrís pasaron máis de 800 instrumentistas de toda Galicia, con máis de 160 solistas. Desde a súa creación, ten como director a Manuel Martínez Álvarez-Nava, catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Neste Concerto de Nadal 2024 o protagonista será o compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), interpretando a orquestra, coa dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, as pezas Abertura en Re maior, Hob. Ia:7; Concerto en Do maior, para violoncello e orquestra, Hob. VIIb:1 (Moderato, Adagio e Finale: allegro molto) e Divertimento en Re maior, Hob. II:22 (Presto, Minueto-Trío, Largo cantabile alla breve, Minueto-Trío e Finale: presto). Como solista estará o violonchelista Álvaro Lozano Cames, galardoado en diferentes certames e que desde 2023 estuda na Cátedra de Violoncello Aline Foriel-Destezet da Escola Superior de Música Reina Sofía, co profesor Jens Peter Maintz.

Como novidade nesta edición, participarán nesta cita musical o Coro Universitario do Campus de Ourense (CUCO), dirixido por Ruth González, e o Coro Infantil do Campus de Ourense (Cuquiños), dirixido por Víctor Vicente Fernández. CUCO naceu no curso académico 2009/2010 baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus coa vocación de se converter nun punto de encontro interxeracional de toda a comunidade universitaria e a cidadanía e Cuquiños botou a andar este ano co obxectivo de enriquecer aínda máis este confluír de diferentes xeracións. Eles uniranse ao concerto para interpretar Adeste fideles e o himno universitario, Gaudeamus igitur.