DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das 'Xornadas sODStendo o planeta. Semana da Axenda 2030'

O concerto solidario de Juancho Marqués recadou 1800 euros para Enxeñería sen Fronteiras

O reitor fixo entrega este luns da contía aos representantes da ONG

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/11/2019

O pasado 17 de outubro o Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria ateigábase de mozos e mozas no concerto do rapeiro Juancho Marqués. Pero o éxito desta cita non foi só de público, xa que con esta actuación solidaria recadáronse 1800 euros para a ONG Enxeñeiros sen Fronteiras. Este luns, o reitor, Manuel Reigosa, fíxolle entrega da contía obtida a Daniel Vila, representante da asociación, unha achega solidaria que se destinará tanto a proxectos en Galicia como a outros que están a desenvolver en Honduras. Explicaba Vila neste acto simbólico que “unha doazón coma esta danos moito aire para poder facer actividades máis potentes e visibles e que permitan involucrar a máis xente”. Na actualidade a ONG, que naceu hai 26 anos impulsada por estudantes da propia Universidade de Vigo, conta con entre 15 e 20 voluntarios que traballan tanto na contorna galega como con iniciativas puntuais en países do sur.

É precisamente por esta vinculación histórica coa Universidade de Vigo polo que a institución decidiu elixir esta organización como destinataria deste primeiro concerto solidario, que como adiantaba Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, terá continuidade no futuro.  E é que a valoración que fai do evento, que se enmarcaba na celebración das Xornadas sODStendo o planeta. Semana da Axenda 2030, celebradas a mediados do mes pasado, “é positivísima, porque a propia comunidade universitaria se implicou dun xeito moi importante”. De feito, como explica Xosé Mahou, dos 1800 euros de recadación total do concertos solidario, 1300 euros corresponde ás doazóns do público, mentres que outros 500 euros foron achegados polo propio Juancho Marqués, que cedeu do seu propio caché a esta causa. 

As Xornadas sODStendo o planeta. Semana da Axenda 2030 celebráronse grazas ao traballo conxunto das vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. A finalidade era poñer en marcha actividades para sensibilizar á comunidade universitaria, especialmente ao alumnado, sobre a importancia do desenvolvemento sostible e o que isto implica na protección do planeta e na procura de sociedades máis xustas e inclusivas. De feito, no transcurso destas xornadas tamén fixo entrega do I Premio Consello Social UVigo-Humana, que recaeu en Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e no Foro socioeducativo Os Ninguéns, polas súas achegas para crear un mundo máis comprometido, solidario e xusto.

Traballo global e transversal 

O ámbito xeográfico de actuación de Enxeñería sen Fronteiras, como explica Daniel Vila, é Galicia, pero tamén desenvolven proxectos internacionais en países do hemisferio sur. En concreto, agora mesmo están a traballar con varias iniciativas en Honduras, no golfo de Fonseca. “Son proxectos principalmente centrados en temas relacionados con soberanía alimentaria e co subministro e calidade da auga”, apunta, pero “sempre cun enfoque moi global e con visións moi transversais, que nos permitan comprender moi ben o sitio no que estamos traballando e a súa sociedade para poder implicala no noso proxecto”. Isto tradúcese en que, por exemplo, as iniciativas relacionadas co tratamento e subministro de auga, teñan tamén unha vertente de xénero ou unha compoñente formativa. Vila fai fincapé neste aspecto global, xa que “facer unha obra non ten sentido se a xente da contorna non a toma como súa, por isto tratamos de mellorar, na medida do posible, as condicións de vida da xente, pero de maneira consciente, para que o tomen co seu”, conclúe.