DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballarán de xeito simulado a candidatura para acadar este distintivo

A concesión da Bandeira Verde a Ourense, un reto de aprendizaxe para o alumnado de Ciencias Ambientais

Contando coa colaboración do Servizo de Medio Ambiente municipal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 13/04/2021

Por segundo ano consecutivo a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten aberta a convocatoria para a solicitude do distintivo Bandeira Verde de Galicia, que recoñece o esforzo e a implicación dos concellos galegos, e da súa veciñanza, na protección da paisaxe e patrimonio natural. Como un reto de aprendizaxe, alumnado do último curso do Grao de Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias traballarán de xeito simulado a candidatura para acadar este distintivo para o Concello de Ourense. Na súa tarefa contarán coa colaboración do Servizo de Medio Ambiente municipal, que os apoiará en todo o proceso e que recibirá os traballos resultantes por se poden ser de utilidade para unha solicitude real deste distintivo.   

O reto, indica a responsable da iniciativa, a profesora da UVigo Maruxa Álvarez, xorde a raíz da realización das prácticas no órgano municipal dunha alumna deste grao e da comunicación establecida entón co Servizo de Medio Ambiente municipal. O proxecto, sinala, supón “a base para establecer unha nova colaboración académica” entre as dúas institucións, colaborando neste caso no estudo dos aspectos máis relevantes das actuacións realizadas polo concello e o seu grao de cumprimento de conformidade cos criterios de valoración da convocatoria que está agora aberta para acadar o distintivo de Bandeira Verde.

Contidos e destrezas

Na iniciativa participa a trintena de estudantes da materia Xestión de Espazos Naturais e Protexidos, coordinada pola profesora Maruxa Álvarez. Traballarán divididos en dez grupos de arredor de tres persoas cada un, centrándose dous grupos en cada un dos cinco eixes contemplados na convocatoria da Xunta. O traballo levará ás e aos estudantes a recadar a información e documentación necesarias e a elaborar as súas memorias para poder presentar unha solicitude a este distintivo. O Servizo de Medio Ambiente actuará como colaborador desta aprendizaxe, facilitando a documentación necesaria para que o alumnado vaia tomando decisións sobre a idoneidade do concello para obter o recoñecemento. “Aínda que o concello xa coñeza a súa aptitude para poder recibir esta bandeira, será labor do alumnado requirir a documentación necesaria, interpretala e sacar as súas propias conclusións”, apunta a responsable da materia.

A realización deste proxecto destaca pola implementación dunha nova metodoloxía docente, a aprendizaxe baseada en retos. “A aplicación desta metodoloxía permitirá a participación protagonista do alumnado na solicitude deste recoñecemento”, indica Maruxa Álvarez. Así, as e os estudantes teranse que involucrar na busca de solucións de maneira cooperativa, obtendo unha visión dos problemas que afectan ou poden afectar á súa cidade mediante a aplicación real e práctica de diversas materias estudadas no grao. O traballo que se realizará, engade a profesora responsable, é relevante para o alumnado tanto en contidos académicos, xa que engloba contidos de moitas materias cursadas ao longo da carreira que están a piques de rematar, como polas destrezas aplicadas. Sobre este último punto, apunta como “un aspecto ao que no grao ao mellor non lle damos moita importancia pero co que o alumnado se vai a atopar moitísimas veces na súa vida profesional é ler convocatorias e presentarse, sabendo interpretar a lei, buscar a información, etc”.

Arranque

O arranque do reto tivo lugar este martes coa participación de Gonzalo García, xefe de Servizo de Medio Ambiente do Concello de Ourense. El e Maruxa Álvarez animaron ao alumnado a implicarse neste proxecto coa idea de que independentemente de que a memoria resulte ou non favorable para a candidatura, o proceso de xeración de ideas, extracción cooperativa de información e exposición do resultado suporá unha aprendizaxe significativa para as e os participantes. Sobre o desafío que teñen agora por diante as e os estudantes, Gonzalo García salientoulles como un dos maiores retos que hai ante unha candidatura como Bandeira Verde é a xestión da información dispoñible, tomar decisións en base a ela e volver a definir a solicitude para cumprir a convocatoria, presentar un bo proxecto e alcanzar o distintivo desexado. Recalcando como non deixa de ser un traballo académico, a profesora responsable explica como as memorias resultantes elaboradas por cada grupo serán trasladas ao Servizo de Medio Ambiente por se puideran ser de utilidade nunha futura convocatoria ao distintivo.