DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este martes unhas xornadas sobre o bo e mal uso dos océanos

Concienciar sobre o mar para facer da terra un lugar máis sostible

Expertos reclaman impulsar unha “cultura do mar” que englobe os ámbitos científico, cultural, social

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 25/11/2014

Os océanos ocupan preto do 70% da superficie do planeta, regulan o clima e son fonte de recursos e biodiversidade, mais ao mesmo tempo mantéñense como "algo descoñecido e inexplorado”, segundo Raquel Costa, coordinadora do programa educativo da Misión para a Extensión da Plataforma Continental Portuguesa. “Apenas o 3% do fondo mariño é coñecido, sabemos máis da superficie da lúa que dos océanos”, afirmou esta investigadora na apertura en Ciencias da Educación e do Deporte das xornadas Bo uso e mal uso do mar, un seminario dirixido a concienciar ao alumnado da importancia do medio mariño e da necesidade de traballar pola súa sustentabilidade. “Os océanos son fundamentais para a supervivencia do planeta e, con frecuencia, cando falamos de educación para a sustentabilidade pensamos só na terra, poucas veces na auga”, engade a profesora María Álvarez Lires, coordinadora dun seminario que a facultade desenvolve conxuntamente co Campus do Mar e a sección Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

“Para Galicia, que ten preto de 1500 quilómetros de costa, a sustentabilidade dos océanos é unha cuestión estratéxica, polo que educar para que os océanos sexan sostibles tamén debe de selo”, salientou a organizadora dunhas xornadas que, a través de relatorios e obradoiros de carácter práctico, pretenden contribuír á “alfabetización sobre os océanos” do alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria para, posteriormente, amosarlles como poderán no futuro, no seu labor como docentes, desenvolver un traballo de concienciación desde as aulas. “A idea non é só concienciar, senón amosarlles tamén como transformar esa conciencia en acción”, destaca Álvarez Lires. De aí que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, salientase na inauguración destas xornadas o “carácter transversal” dunha iniciativa organizada arredor dun concepto, o da sustentabilidade, co que o campus mantén “unha forte aposta” a través do proxecto Green Campus. Do mesmo xeito, a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, destacou tamén o valor deste seminario á hora de “fortalecer o compromiso” que o centro adquiriu no seu proxecto de converterse na segunda facultade de España en entrar a formar parte da Rede Escolas Unesco, e no que “un dos compromisos principais é educar para o respecto, entre outras cousas, do sistema natural”.

Da retención de CO2 á presenza de plásticos do estómago dos peixes

Co obxectivo de dar ese paso da concienciación á divulgación, as xornadas que na tarde deste martes se clausuran cun relatorio do director do Campus do Mar, Emilio Fernández, na Casa das Campás, contaron coa participación de Raquel Costa e Diogo Geraldes, dous representantes do programa educativo da Misión para a Extensión da Plataforma Continental lusa, encargados de impartir os talleres que completaron esta actividade xunto cos obradoiros Mergúllate no Océano do Campus do Mar. Previamente, Costa incidiu no relatorio inaugural en que para que o profesorado poida “ensinar a importancia do mar aos máis novos”, cómpre previamente introducilos en “como o mar forma parte da nosa vida e de como a nosa vida influencia ao mar”. Nesta liña, Costa destacou que os océanos regulan o clima retendo 2000 millóns de toneladas de dióxido de carbono, así como a “enorme diversidade de seres vivos” que se atopan nos océanos, “a orixe da maior parte da vida” e de moitos dos elementos que posteriormente se empregan para a elaboración de medicamentos. Así mesmo, defendeu o mar como “fonte de recursos”, tanto no relativo á alimentación dos seres humanos, que obteñen del preto do 15% das proteínas que inxiren, como para o seu desenvolvemento, ao extraerse dos fondos mariños recursos como o petróleo. Pola contra, a acción do home provocou que “máis do 70% dos peixes que se alimentan de placton teñan partículas de plástico no seu estómago, pese a que iso é o que nós comemos despois”. Así mesmo, Costa denunciou que o uso determinadas artes de pesca provoca que preto do 40% dos animais que se devolven ao mar trala captura retornen á auga mortos, “só porque son especies que non consumimos, o que non ten ningún sentido, xa que estamos a falar de 38.000 millóns de toneladas cada ano”.

Fronte a esta situación, Costa avogou por “seguir investigando sobre os océanos, posto que canto máis os coñezamos máis fácil será coidalos” e por desenvolver unha “cultura do mar” que non se limite ao ámbito científico, senón que abranga tamén os ámbitos económico, social e cultural. Deste xeito “podemos ter un papel activo na preservación” dun elemento que “influencia en esencia, á sociedade humana”.

Da crise da sardiña ao Campus do Mar

“O mar é vida para Galicia, é o recurso que, dalgunha maneira, alimentou todas as necesidades que foron xurdindo ao longo do tempo”. Deste xeito iniciaba a súa participación na apertura destas xornadas o coordinador da sección Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, que incidiu en que do océano naceu “o imaxinario do que xurdiron algúns dos aspectos máis importantes da cultura galega”, pero tamén unha “cultura científica, un coñecemento que se foi desenvolvendo o longo do tempo”.

Mais, do mesmo xeito que acontece no campo da sustentabilidade, a ciencia tardou moito en mirar cara a auga en Galicia. Segundo relatou Díaz-Fierros, os primeiros estudos vinculados ao mar “pódense situar no século XVIII, cos traballos de Joseph Cornide sobre a crise da sardiña”. Por aquel entón, explicou, non existía na Universidade “unha materia propia que puidese dar sentido a todas as preguntas que xurdían a redor do mar”. De feito, non foi ata finais do século XIX cando se comezou a impartir Historia Natural na Universidade de Santiago. Xa no século XX, poríanse en marcha en Galicia o Instituto Oceanográfico, en 1917, e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, en 1951. “Logo viu a creación da Facultade de Bioloxía de Santiago, onde xa se estudou o mar de maneira detallada e actualizada”, relatou Díaz-Fierros, que situou na creación do campus de excelencia internacional Campus do Mar “o último chanzo da evolución” vivida en Galicia no relativo ás investigacións mariñas.