DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría promove o segundo certame ‘Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas’

Un concurso busca trasladar a obra de Delgado Gurriarán a múltiples disciplinas

Aberto á participación de todo o alumnado da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI Ourense 25/04/2022

Promover un achegamento “desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes” á produción literaria do autor recoñecido no Día das Letras Galegas neste ano 2022, Florencio Delgado Gurriarán, é o obxectivo do segundo concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, impulsado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Aberto á participación de todo o alumnado da Universidade, o certame busca, como recollen as súas bases, “estimular a creatividade e innovación” do estudantado “a partir da revisión, reflexión e análise da produción cultural” do poeta homenaxeado, tomando esta como fonte de inspiración para “a realización dun produto cultural ou tecnolóxico de diferente índole”, desde ilustracións, fotografías ou cómics, ata videopoemas, pezas escultóricas, composicións musicais...

Dando continuidade a unha iniciativa impulsada o pasado curso por primeira vez e centrada entón na figura de Xela Arias, este premio busca servir como “un convite para aproximarse tanto á experiencia vivencial como á produción creativa do autor ou autora homenaxeada cada ano no Día das Letras Galegas”, explica a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. A idea neste caso, engade, é que “o alumnado redescubra o se encontre por primeira vez coa produción literaria” de Delgado Gurriarán, para a partir de aí “incentivar a súa capacidade creativa”, convidándoos a que “poidan reinterpretala desde outras linguaxes, como as artísticas ou as audiovisuais”. 

De feito, nesa idea de contribuír á pór en valor a figura poeta de Valdeorras, o propósito deste concurso é que o alumnado poida descubrir tanto a obra dun escritor “cun amplo rexistro creativo, desde esa primeira poesía máis alegre e paisaxística ata esa poesía de compromiso”, como a súa propia traxectoria vital, marcada polo exilio. “Delgado Gurriarán desenvolveu toda a súa produción cultural nun ámbito como o mexicano, que ata o de agora nunca fora punto de reflexión no marco do Día das Letras Galegas”, salienta Agrelo, que incide en que este concurso busca promover non só a “relectura dos seus textos”, senón tamén “a posibilidade de revisitar os espazos do exilio” e pór o foco “no labor feito polos homes e mulleres que se viron obrigados a desprazarse a terras americanas para manter vivo todo o que ten que ver co legado do galeguismo e dunha cultura que en Galicia era amortecida pola ditadura”. 

Ata o 12 de maio

Aberto á participación do alumnado matriculado no presente curso en calquera titulación da Universidade de Vigo, o concurso Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas: Florencio Delgado Gurriarán mantén aberto ata o 12 de maio ás 14.00 horas o prazo de presentación de traballos. As obras, que poderán ser tanto individuais como colectivas, deberán presentarse na sede da Vicerreitoría do campus, de xeito físico no caso de pezas materiais como fotografías, ilustracións ou pezas de cerámica, ou en soporte dixital no caso das creacións audiovisuais. De entre os traballos presentados, o xurado outorgará tres premios, cunha dotación económica de 300, 250 e 200 euros, respectivamente, que se entregarán no marco das actividades que a Vicerreitoría impulse no mes de maio con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.