DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns serán entregados o venres 20 na feira eXXperimenta en Feminino

O concurso de creación artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia premia a doce rapazas

É unha iniciativa da Facultade de Ciencias e as escolas de Aeronáutica e Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 18/02/2026

12 rapazas son as gañadoras do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que ten como obxectivo axudar a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Nesta edición presentáronse arredor de 150 traballos duns 15 centros educativos da provincia de Ourense, agradecendo e destacando desde a organización da iniciativa esta boa acollida e o esforzo feito polo alumnado participante.

O certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, busca promover o coñecemento por parte da rapazada do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Cada ano organízase no marco das actividades do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Neste edición convidábase ao alumnado de Primaria e Secundaria da provincia a presentar creacións orixinais en formato visual ou literario.

En Educación Primaria, na modalidade visual, o primeiro premio foi para Ximena González, o segundo para Ruth Yacelga e o terceiro para Naira Damecu, as tres do Colexio Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle (Ourense). Nesta categoría, na modalidade literaria, o primeiro premio foi para Pía Martínez, tamén do Padre Feijoo-Zorelle, por Enxeñeira con ‘A’, e o segundo e terceiro, respectivamente, para as alumnas do Colexio San Pío X (Ourense) Carla Prol e Iris Gómez, polos traballos As mulleres na ciencia agora son tendencia e Enxeñeiras.

Xa na categoría de Educación Secundaria, na modalidade visual, o primeiro premio foi para Leire Soto, do CPR Plurilingüe La Purísima; o segundo para Aldara Rial, do Colexio Santo Ángel, e o terceiro para Martina Álvarez, do IES Julio Prieto Nespereira, todos eles centros educativos da cidade de Ourense. Na modalidade literaria, o primeiro premio foi para Naír González, do IES Julio Prieto Nespereira (Ourense) por Tan só fixen o que a min me gustaba; o segundo para Carolina Pérez, do IES Allariz, por Á miña tía, e o terceiro para Nadia Carballo, do CPR Plurilingüe Miraflores (Ourense) por A nena da Lúa. 

Entrega no marco da feira eXXperimenta en Feminino

Os galardóns serán entregados ao alumnado este venres 20 de febreiro pola tarde no campus de Ourense, no marco da celebración da feira eXXperimenta en Feminino, a gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) en Ourense. A feira mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar o teito de cristal neste eido. Contará con 13 postos doutros tantos grupos de investigación, participando pola mañá centros educativos e estando pola tarde aberta ao público xeral.