DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto virtual celebrado este venres

O concurso escolar de creación artística co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia entrega os seus galardóns

As e os escolares foron felicitados polo “bo traballo realizado”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 12/03/2021

Este venres, o Campus Remoto da Universidade de Vigo acolleu o acto de entrega virtual dos galardóns do V Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, organizado desde a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. As e os estudantes de Educación Primaria e Secundaria da provincia premiados recibiron nos seus centros os parabéns da organización polo “bo traballo realizado”.

O certame, lembrou en nome da organización Nieves Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, celébrase cada ano no marco do proxecto Exxperimenta en Feminino e das súas iniciativas co gallo do 11 de febreiro e co obxectivo de visibilizar o papel da muller na ciencia e na enxeñaría. Tradicionalmente os seus galardóns entregábanse durante a celebración da feira Exxperimenta en Feminino pero debido ás medidas de loita contra a covid-19 esta entrega tivo que trasladarse este ano ao eido virtual. En todo caso, desde a organización da iniciativa quixeron trasladar ás e aos galardoados a súa felicitación polo esforzo feito e a calidade dos traballos presentados. Tamén houbo palabras de agradecemento para o profesorado implicado en cada centro educativo, destacando Nieves Lorenzo o seu papel no éxito deste concurso, ao que nesta edición se presentaron arredor de 200 traballos.

Debuxo e redacción

Na modalidade visual, na categoría de alumnado de Primaria, o primeiro premio acadouno David Isaac Wang Lin, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle de Ourense; o segundo Lucía Tabi Pillajo, do mesmo centro, e o terceiro Javier Sanjurjo do Campo, do CPR Plurilingüe Santa María-Maristas de Ourense. Na categoría de alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Diego Rodríguez Carril, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle; o segundo para Mencía Soto López, do CPR Plurilingüe A Purísima de Ourense, e o terceiro para Rosa María Rodríguez Diz, do Colexio Santo Ángel de Ourense.

Na modalidade literaria, en Primaria o gañador foi Joaquín Daga Falagán, do Colexio Pablo VI de A Rúa, polo texto Podes chegar a ser científica; a fórmula é esforzo mesturado con talento. O segundo premio foi para Lucía Rodríguez González, de Franciscanas de Ourense, pola redacción As científicas españolas. O terceiro premio foi para Clara Rodríguez Alejandre, tamén do Colexio Pablo VI de A Rúa, por De maior… ¡Científica!. Na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, o primeiro premio foi para Antía Ollero Cadilla, do IES As Lagoas de Ourense, polo texto Érase unha muller que quixo facer historia; o segundo para Omaima Limane Limane, do IES Xesús Taboada Chivite de Verín pola peza Rosalind Franklin, e o terceiro para Noa Rodríguez Calviño, do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle de Ourense, por Soños que serán realidade.

Os agasallos que recibirán as e os galardoados son libros sobre mulleres científicas axeitados á súa idade, calculadoras Casio da colección Women in Science e tazas de Exxperimenta en Feminino, agasallos financiadas polos centros organizadores do certame e a Unidade de Igualdade da UVigo.