Está aberto á participación de alumnado de Primaria e Secundaria da provincia
O concurso escolar sobre muller e ciencia do campus celebra a súa décima edición
O prazo de presentación de obras literarias ou visuais remata o 25 de xaneiro
Ata o 25 de xaneiro está aberto o prazo para que o alumnado de Primaria e Secundaria de centros da provincia de Ourense se presente ao X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que ten como obxectivo axudar a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna.
O certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, busca promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia. Así, desde a súa organización sinalan que “o tema común dos traballos deberá ser: que é para ti unha enxeñeira?” e que “os traballos deben permitir ao alumnado descubrir o papel das mulleres na enxeñaría, as súas achegas, os seus descubrimentos e os nomes das pioneiras e das actuais”. Neste senso fan fincapé en que hai moitos tipos de enxeñaría, dende a aeronáutica a informática ata a agraria, polo que convidan ao alumnado interesado en participar a “deixar voar a súa imaxinación e amosarnos a visión feminina da enxeñaría”. Os traballos deben ser orixinais e non apoiarse en intelixencia artificial.
Modalidades visual e literaria
O concurso conta con dúas categorías (Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria) e dúas modalidades en cada categoría (visual e literaria). Na modalidade visual inclúense debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. Os vídeos poden ter unha duración que oscile entre os 30 segundos e os dous minutos. Na modalidade literaria poden presentarse manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador, cunha extensión máxima de aproximadamente 900 palabras. Neste punto sinalan que “deberá ser unha obra inédita e orixinal: non un resumo do que xa está escrito na web”. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).
As propostas presentaranse en formato electrónico de acordo coas indicacións das bases. Cada estudante poderá participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo. A data límite de presentación é o 25 de xaneiro de 2026 as 14.30 horas. A selección das obras gañadoras realizarase por proposta dun xurado formado por profesorado dos centros universitarios organizadores. Os criterios de avaliación na modalidade visual serán a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso. Na modalidade literaria valorarase o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do certame. A entrega de premios terá lugar nun acto que se celebrará en febreiro coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da organización do concurso e as autoras e autores cederán os dereitos.
