DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e AJE-Pontevedra promoven o programa 'In-Teams', no marco da Rede Eusumo

Un concurso para transformar as investigacións do Campus Crea en proxectos empresariais 

As persoas seleccionadas traballarán en equipos multidisciplinares, que optarán a dous premios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 09/09/2022

Favorecer a creación de proxectos empresariais que teñan como punto de partida resultados de investigacións do Campus Crea é un dos propósitos centrais de In-Teams, un programa impulsado pola Universidade de Vigo e AJE Pontevedra, no marco da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Cun formato de concurso, no que se outorgarán un premio de 750 euros e outro de 500 euros aos mellores proxectos, In-Teams promoverá a creación de “equipos multidisciplinares”, que traballarán no desenvolvemento dun plan de empresa a partir de resultados de investigacións ou de “calquera outra idea de negocio dos participantes que teñan o seu propio proxecto empresarial”, segundo explican desde a organización. 

O prazo de inscrición neste programa de emprendemento, que busca promover “a creación de equipos e proxectos empresariais viables, que se constitúan en entidades de economía social” permanece aberto ata o vindeiro venres 16 de setembro. Esta iniciativa está aberta tanto a estudantes de máster e doutoramento como de último curso de grao, a egresados e egresadas das últimas promocións e a integrantes de grupos de investigación e persoal colaborador destes, á vez que tamén ao “público xeral con ideas de emprendemento”, segundo recollen as bases do concurso. A inscrición pode realizarse a través dun formulario online, no que os participantes “que desexen traballar sobre unha idea de negocio previa” deberán tamén facelo constar.

Equipos que agrupen diferentes perfís

Pechado o prazo de inscrición, seleccionaranse aos e ás participantes neste programa, que conformarán uns grupos de traballo interdisciplinares, xa que, como salientan desde a organización, “a complementariedade de perfís persoais e profesionais, que incide na eficiencia e eficacia do traballo e na posibilidade de obter mellores resultados, é unha das claves deste programa”. Como explica o coordinador da rede Eusumo na Universidade, o profesor José María Cancela, o obxectivo é tratar de crear “grupos representativos de todas as áreas do campus”, que traballarán na definición “dun plan de negocio e un plan de empresa” tomando como punto de partida as ideas xurdidas dos grupos de investigación ou de proxectos empresariais que se lles asignen. Nese senso, Cancela incide no interese desta iniciativa para as e os participantes nas dúas edicións do concurso Crea Economía Social, que a Vicerreitoría do campus e AJE-Pontevedra promoveron no marco da rede Eusumo e no que se premiaban precisamente ideas de negocio. “O que se busca nestas xornadas é analizar se esas ideas eran ou non viables e intentar que se transformen en realidades”, sinala.

Tras un evento de presentación dos equipos e de asignación das ideas coas que traballarán, o programa comprende unha serie de sesións formativas, presenciais e virtuais, para o desenvolvemento do plan de empresa. As e os seleccionados contarán tamén con “puntos de control con mentores especializados” ao longo do proceso e no mes de outubro participarán nun acto de defensa dos plans de empresa desenvolvidos e polos que optarán a un primeiro premio de 750 euros e a un segundo de 500 euros. A selección dos proxectos galardoados atenderá a criterios como a súa viabilidade, a “probabilidade de constitución da empresa”, o seu carácter innovador, grao de “escalabilidade” e madurez e o seu potencial para a xeración de emprego.

O programa In-Teams xorde da colaboración da Universidade de Vigo coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) e está enmarcado no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo, impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.