DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro dos relatorios será na Escola de Artes e Oficios o 24 de xaneiro

Coñecemento con selo vigués na segunda edición do Fórum IEV

As conferencias desenvolveranse durante todo o ano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Ana Proupín DUVI 14/01/2019

Tras o éxito de asistencia rexistrado na primeira edición do Fórum do Instituto de Estudos Vigueses, o vindeiro 24 de xaneiro comezará o segundo ciclo de conferencias no que o IEV colabora coa Universidade e o Concello de Vigo, co obxectivo de amosar á cidadanía o traballo desenvolvido en Vigo en diferentes disciplinas académicas sobre temas como tecnoloxía, arte, pesca, cambio climático ou economía. Das once conferencias programadas para este ano, dez desenvolveranse na sala-hemeroteca da Escola de Artes e Oficios, con capacidade para 60 persoas, e unha no salón de actos do Instituto Camões. Con respecto ao ano pasado, “esta edición reducimos un pouco o ritmo e puxemos só unha conferencia ao mes para non saturar ao público nin á organización, xa que habendo relatorios doutras organizacións iso repercutía na asistencia ás nosas” explica Federico Vilas, coordinador do evento e docente emérito da Universidade de Vigo. 

Seis dos relatorios previstos serán impartidos por docentes e investigadores da Universidade e cinco a cargo de membros do instituto, sempre en xoves ás 19.30 h, agás no mes de outubro, no que haberá dúas conferencias e, xullo e agosto, nos que o instituto non realizará ningún evento.

Destinado a un público interesado na súa cidade

O ciclo de conferencias está aberto ás persoas que estean interesadas en ver e coñecer “dun xeito divulgativo as investigacións que se xestan na área de influencia de Vigo nos ámbitos da arte, ciencia, arquitectura, xeografía e historia” afirma o coordinador. A iniciativa deste foro xurdiu do propio IEV que procuraba achegarse ao público diversificando as súas actividades, mentres que, pola súa banda, a Universidade pretende facer máis accesibles a ciencia, a tecnoloxía e as humanidades ao público en xeral, a través dunha linguaxe accesible. En especial, Vilas explica que “persoalmente temos moito interese en que os aspectos científicos, tecnolóxicos e humanísticos que hai na universidade non se queden de portas para dentro e se expandan cara fóra”.

O foro do 2018 completou a capacidade da sala facilitada polo Concello na maior parte dos eventos programados e con respecto á asistencia deste ano, o instituto espera manter as cifras do ano anterior e mesmo superalas. “Estamos intentando que tanto Zona Franca como a Deputación de Pontevedra colaboren dalgún modo nestas actividades, porque a ampliación das colaboracións con ambas institucións sería positiva para o desenvolvemento e promoción das actividades, que se están a levar a cabo no centro” afirma o coordinador.

Inicio do Fórum IEV 2019 con arte megalítica

A primeira conferencia deste ciclo será Arte Megalítico en Galicia: valor e retos e correrá a cargo do profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia Fernando Carrera, que se centrará na arte dos dolmens en Galicia, unha expresión artística aínda moi descoñecida entre a cidadanía. Ademais de sinalar o seu enorme valor patrimonial, Carrera fará tamén suxestións para mellorar a súa protección.

Os relatorios continuarán o 7 de febreiro co docente da Universidade de Vigo, Fernando Martín, que achegará ao público asistente a aplicación das novas tecnoloxías ao medio mariño.