DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha charla informal co eurofuncionario vigués Christian Maurin de Fariña

Coñecendo máis de preto o funcionamento interno da Unión Europea

Maurin tentou transtrimir ao estudantado a importancia de participar nas eleccións do 26 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 04/04/2019

Preto de medio cento de estudantes participaron este xoves no campus nunha charla informal co eurofuncionario vigués Christian Maurin de Fariña, unha actividade organizada dende a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación ao abeiro do programa do Parlamento Europeo Back to University, “iniciativa que consiste en facilitar a viaxe dos seus funcionarios e funcionarias ás súas universidades de orixe para transmitir alí as principais cuestións relacionadas coa cidadanía europea, coa importancia que ten o propio Parlamento Europeo e as decisións que alí se toman”, tal e como lles explicou aos asistentes á charla a vicerreitora, Maribel Doval.

Con máis de 20 anos de experiencia como traballador do Parlamento Europeo –chegou alí como bolseiro no ano 1996- Christian Maurin, administrador da Unidade de Asuntos Lexistativos do PE, tentou transmitirlle ao alumnado que asistiu á súa charla na sala 1 do edificio Miralles como é o traballo nunha institución deste tipo, “algo que pode estar ao alcance de calquera de vós” e, sobre todo, convencelos da enorme importancia de participar nas eleccións europeas do vindeiro 26 de maio, pois este é o único xeito de ter a posibilidade de influenciar as principais políticas e accións que se levarán a cabo en Europa nos vindeiros anos. 

"A xuventude é o futuro e, por tanto, a ninguén lles afectarán máis as decisións que alí se tomen"

“As decisións que se toman na UE aféctannos directamente a todos os cidadáns europeos en todos os ámbitos das nosas vidas, e o Parlamento Europeo xoga un papel esencial en esa toma de decisións”, explicoulles Maurin, quen tamén recalcou que un aspecto fundamental do programa Back to University é amosar aos estudantes e a xuventude en xeral “que os que traballamos nas institucións europeas somos xente completamente normal que vimos das mesmas cidades e que estudamos nos mesmos lugares ca vós ”, recalcoulles, ao que engadiu, de xeito cómplice coa súa audiencia, que “eu tamén sufrín coma vós co partido do Celta de onte”.

Con respecto ás eleccións do vindeiro 26 de maio recalcoulles que a xuventude é o futuro e, por tanto, a ninguén lles afectarán máis as decisións que alí se tomen. “Mediante o voso voto podedes decidir que tipo de políticas e accións deben levarse a cabo na UE, moitas delas de interese capital para vós: desde os programas para estudantes e mozos, ata como debe desenvolverse o pilar social da UE e regularse os mercados financeiros; dende o nivel de protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático ata a política europea de inmigración ou asilo, a loita contra o terrorismo ou a seguridade alimentaria e o transporte, entre moitos outros”, recalcou o relator.

Durante a súa charla Maurin de Fariña, tamén tivo a oportunidade de falarlles a estes estudantes sobre as diferentes posibilidades que teñen ao seu alcance de facer prácticas na UE, así como de afondar no programa Erasmus + para estudantes universitarios e outros programas de intercambio e voluntariado.