DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres se celebra a I Xornada de promoción do voluntariado na UVigo 

Coñecer de primeira man os proxectos de voluntariado para logo participar neles 

300 persoas participaron no curso 20-21 en programas propios e en colaboración con entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/05/2022

294 membros da UVigo (226 estudantes, 65 egresados e egresadas e tres docentes e investigadores) participaron ao longo do curso 2020-201 en programas de voluntariado, tanto propios da institución académica viguesa, como en colaboración con diversas entidades sociais. Unha cifra que desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación aspiran a incrementar, razón pola que o vindeiro venres celebrarán en formato virtual a I Xornada de promoción do voluntariado da UVigo. Aberta a toda a comunidade universitaria, as persoas asistentes poderán coñecer no transcurso da xornada, a través da testemuña dos seus responsables, os diferentes programas de voluntariado que se poden realizar a través da UVigo. ”Queremos fomentar a realización de voluntariado e para iso pareceunos que a mellor vía é que a comunidade universitaria coñeza de primeira man os proxectos de voluntariado, tendo a oportunidade de falar cos coordinadores e entidades que están detrás deles, así como falar con persoas voluntarias”, explica Henar Quintas, directora da Área de Responsabilidade Social de Cooperación da UVigo, que sinala que a vertebración de accións de voluntariado e as alianzas con entidades sociais son obxectivos recollidos no Plan Estratéxico da UVigo 2021-2026 e están en liña co compromiso da Universidade de contribuír aos retos da Axenda 2030 e os seus ODS.

A I Xornada de promoción do voluntariado na UVigo, que poderá seguirse partir das 12.00 horas a través de Campus de Remoto, será inaugurado pola vicerreitora en funcións de RRSS, Internacionalidade e Cooperación, Maribel Doval, e nel participarán os coordinadores e coordinadoras dos programas MEET-UVigo; Espazo residuo cero e Horta da Xoaniña de Amigos da Terra; Axentes do cambio de Somos Terra e Desenvolvemento formativo de persoas solicitantes de asilo e Acollida temporal e integración para solicitantes e persoas beneficiarias de protección internacional de Provivenda. As persoas interesadas en participar na sesión poden preinscribirse a través da plataforma Bubela.

A xornada deste próximo venres será a primeira dunha serie de sesións que se celebrarán a partir do vindeiro mes de setembro, co inicio do novo curso, e que se desenvolverán un venres da cada mes durante o períodos lectivos, “para dar a coñecer todos os programas de voluntariado que se poden facer por medio da UVigo”, detalla Quintas.

Preto de 70 programas a disposición da comunidade universitaria

Na actualidade son 67, sete propios da UVigo e os demais realizados en colaboración con entidades sociais, os programas de voluntariado nos que poden participar os membros da comunidade universitaria. MEET UVigo, que ten o obxectivo de axudar á adaptación do alumnado de primeiro curso á Universidade de Vigo, é o programa que maior número de voluntarios e voluntarias acadou no curso 20-21; seguido da XVI edición de Imatxina; voluntariado en protección de animais- Bai Sen Pulgas; voluntariado ambiental na Oficina de Medio Ambiente da UVigo e na carreira HappyGoRunnin-Cidade Universitaria. “É o estudantado o que máis participa nos nosos programas de voluntariado”, confirma a directora da Área de Responsabilidade Social de Cooperación da UVigo, que tamén sinala a minoritaria participación do PDi e o PAS neste tipo de accións.

Temáticas moi variadas, que van desde o voluntariado ambiental, ao apoio a alumnado vulnerable, pasando polo comercio xusto; ademais da posibilidade de realizalo en calquera dos campus da UVigo, son algúns dos atractivos que desde a Área de Responsabilidade Social de Cooperación resaltan á hora de animar á comunidade universitaria a participar. A maiores, Henar Quintas lembra que “o voluntariado parte dunha motivación solidaria, e como tal achega valor aos demais, mentres a persoa voluntaria actúa como axente do cambio da sociedade. Pero o voluntariado tamén ten importantes beneficios persoais como sentirse útil, mellorar a autoestima e autopercepción, poñer a proba as capacidades persoais, crear comunidade e coñecer persoas cos mesmos intereses”, enumera a directora da Área de Responsabilidade Social de Cooperación da UVigo. 

A era poscovid é, ademais, segundo Quintas un momento idóneo para facer voluntariado “porque o mundo enfronta grandes retos sociais e ambientais para os que doar o noso tempo para procurar un mundo máis sustentable en todas as esferas da Axenda 2030, ademais de ser unha boa forma de superar o illamento ao que nos vimos sometidos durante os tempos máis duros da pandemia e unha boa forma de facer comunidade”. Por se estes motivos non fosen suficientes para animar á comunidade universitaria a facerse voluntaria, cómpre lembrar que esta actividade, no caso do alumnado, ten un recoñecemento académico (1 ECTS por cada 30 horas de colaboración), ademais de ser para moitos empregadores un factor diferenciados moi positivos á hora de valorar o currículo das persoas.