DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo catedrático emérito da UNED Carlos Lasarte

Unha conferencia aborda a capacidade xurídica das persoas con discapacidade

O experto fixo un percorrido pola evolución do tratamento legal deste colectivo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 26/03/2021

O marco legal das persoas con discapacidade foi o tema central dunha conferencia que este venres acolleu a Facultade de Dereito do campus de Ourense a través do Campus Remoto da UVigo. Carlos Lasarte, catedrático emérito de Dereito Civil da UNED, foi o encargado de falar ao alumnado e profesorado asistente sobre este “tema extraordinariamente difícil”. Na súa intervención abordou os pasos normativos que se están dando no eido do recoñecemento da capacidade xurídica propia das persoas con discapacidade.

A conferencia formou parte da programación do Curso de Actualización Xurídica que este curso académico celebra a Facultade de Dereito e que está destinado a abordar temas de interese transversal no eido xurídico. A sesión foi presentada por Susana Álvarez, profesora e vicedecana do centro, que destacou como o tratamento xurídico das persoas con discapacidade “é un tema moi complexo pero de sumo interese”, e por Fernando Franco, profesor da Área de Dereito Civil da UVigo, que salientou do convidado o seu “curriculum extraordinario” e o feito de que “é un dos civilistas máis coñecidos do dereito español”.

Evolución histórica

Carlos Lasarte explicou durante a súa intervención como a abordaxe deste tema “ten sido encarada nos ordenamentos xurídicos sempre cunha notoria desgana, sen saber moi ben que facer”. O seu percorrido por estes ordenamentos arrancou nas súas orixes nos códigos civís de principios do século XIX, apuntando como “todos os códigos civís do mundo, non só o español, caracterizáronse dalgún xeito por sinalar que todas as persoas sobre as que pesaba unha incapacidade de obrar, unha falla de habilidade para despregar a súa propia vida na sociedade, deberían ser incapacitadas”. Esta incapacidade, apuntou, non se aplicaba como un castigo e había unhas causas taxadas de incapacidade, como por exemplo a loucura ou a xordomudez absoluta acompañada da falta de saber ler e escribir.

No ano 1983, comentou o catedrático emérito de Dereito Civil da UNED, modificouse o código civil español e estableceuse “unha regulación máis acorde cos tempos” de entón. Nel “pásase a non establecer de maneira taxativa unha causa de incapacitación senón que xenericamente se identifican como enfermidades ou deficiencias persistentes de carácter físico ou psíquico que impidan á persoa gobernarse por si mesmas”. A seguinte parada no percorrido pola historia do marco legal das persoas con discapacidade que fixo Carlos Lasarte foi a lei 41/2003, de protección patrimonial das persoas con discapacidade e de modificación do código civil, da lei de enxuizamento civil e da normativa tributaria con esta finalidade. Esta lei, indicou, supuxo “un xiro importante” xa que non se trataba só de persoas incapacitadas senón de persoas que podían ter algún tipo de discapacidade (sendo polo tanto necesario establecer cunha certa nitidez cal era o tipo de discapacidade). En todo caso, recalcou, esta lei “só procuraba a protección patrimonial do que fose titular a persoa con discapacidade”.

O catedrático emérito apuntou como o panorama internacional na protección deste colectivo mudou cando se aprobou a convención internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade de Nova York de 2006, ratificada entre outros moitos países por España. Nela, apuntou, recóllese que os estados partes reafirman que as persoas con discapacidade teñen dereito en todas partes ao recoñecemento da súa personalidade xurídica e que recoñecerán que as persoas con discapacidade teñen capacidade xurídica en igualdade de condicións en todos os aspectos da vida coas demais persoas. Como adaptación a esta convención, España puxo en marcha a lei 26/2011 na que se “traballou con profundidade e pretendendo fundamentalmente favorecer e fortalecer o acceso aos bens e servizos das persoas con discapacidades”, afirmou o relator.

Proxecto de lei actual

Xa na actualidade, Carlos Lasarte explicou que está en discusión no Senado, tralo seu paso polo Congreso, un proxecto de lei, polo que se pretende reformar a lexislación civil, para o apoio das persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, recollendo da convención de Nova York a consideración de que “as persoas con discapacidade, teñan a discapacidade que teñan, o que si que teñen é capacidade xurídica propia”. Neste proxecto, na exposición de motivos, lembrou o experto, indícase que a lei que se pretende aprobar “supón un fito fundamental no traballo de adaptación do noso ordenamento á convención de Nova York e ten por obxecto fundamentalmente o respecto ao dereito de igualdade de todas as persoas no exercicio da súa capacidade xurídica, que vén sendo obxecto de atención constante tanto por parte das Nacións Unidas como polo Consello de Europa ou o propio Parlamento Europeo”.

A futura lei, detallou o relator durante a súa intervención, supón a modificación de numerosas disposicións do marco xurídico estatal, desde a lei notarial e hipotecaria ata a de enxuizamento civil a de protección patrimonial das persoas con discapacidade, sendo a reforma máis profunda a do código civil. A idea central do novo sistema, engadiu Lasarte, “é a de apoio, na medida na que o precise, á persoa con discapacidade”, un apoio amplo que engloba todo tipo de actuacións, desde o acompañamento ata a eliminación das barreiras. Trátase neste novo ordenamento, apuntou, “de resaltar que as persoas con discapacidade son titulares do dereito á toma das súas propias decisións, dereito que ten que ser respectado” no marco dos dereitos humanos. Nel, engadiu o experto, retómase o concepto de ‘curatela’ e elimínase o de tutela e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.