DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartida de xeito virtual pola psicóloga Raquel Graña

Unha conferencia achega ao futuro profesorado claves para falar cos nenos e nenas de sexualidade

Dirixida ao alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/04/2021

Falar de sexualidade implica falar “da forma de comportarnos con calquera persoa, da nosa personalidade”, sostén a psicóloga e sexóloga Raquel Graña, que este venres impartiu unha conferencia virtual ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dirixida a achegar aos futuros e futuras docentes unha serie de claves para abordar a sexualidade con nenos ou adolescentes. Máis aló de posibles concepcións erróneas, Graña destacou neste coloquio virtual que a educación sexual implica abordar coa infancia cuestións relativas á xestión emocional, o respecto e a empatía.

Organizada pola estudante da facultade Raquel Álvarez xunto coa profesora Inés Lareo, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, esta actividade tiña como obxectivo de ampliar a formación do alumnado sobre educación sexual na infancia. “Pensaba que era unha cousa na que necesitabamos afondar máis, porque o día de mañá, cando esteamos nas aulas, debemos estar preparados para dar resposta aos nosos alumnos e alumnas”, salienta Álvarez. Con ese obxectivo, máis de medio cento de estudantes da facultade inscribíronse neste coloquio virtual con Graña, psicóloga especializada en sexoloxía, autora do libro Sex-On, con consellos sobre a educación sexual dos adolescentes.

Traballar a empatía e o respecto

“Cando imparto educación sexual nos centros, os adultos están moi equivocados sobre de que se fala”, sinala Graña, que abordou nesta conferencia o traballo que leva a cabo, por exemplo, con nenos e nenas de primaria. “Falo sobre todo de xestión emocional, de empatía, de relacións saudables, de respecto, de aprender a quererse, de hixiene e cambios corporais..., todo iso adaptado á súa linguaxe, a súa idade e ao seu nivel evolutivo”, salientou. Nese senso, puxo o acento en que a educación afectivo sexual vai máis aló de abordar “como se fan nenos”, algo que, ao seu xuízo, debe comezar a tratarse “cando os nenos comecen a preguntar”. Neste punto, esta sexóloga avogou por abordar a sexualidade de “forma natural, sincera e sen complexos” e recoñeceu que esta “segue sendo un tema tabú”. Ao seu xuízo, a educación sexual axuda, desde unha idade temperá, “a normalizar que todos temos un corpo, uns xenitais e unha personalidade..., a aceptarnos, a querernos e non ver o sexo como algo malo ou tabú, que hai que esconder”.

O profesorado como figura de apoio

No ámbito da educación afectivo sexual, o profesorado pode ser “unha figura de apoio”, capaz de axudar a que os nenos e nenas “resolvan dúbidas e preguntas básicas para eles”, salientou Graña que, con esa idea, presentou neste coloquio diferentes iniciativas que poden levarse a cabo na aula, co obxectivo de que nenos e nenas poidan traballar valores e actitudes e dirixidas a “facerlles pensar un pouco, sempre de forma divertida”.

Do mesmo xeito, a conferencia abordou tamén algunhas das “preguntas habituais” que soen facerse os nenos e nenas de primaria e que, como explicou Graña, son moi diferentes segundo a idade. No caso dos máis novos, sinalou, “fálase máis de emocións, de como relacionarse..”, mentres que xa nos últimos cursos desta etapa, recoñeceu, “poden chegar a preguntarte que é o porno, que é a viagra ou falarte da masturbación”, recoñeceu.