DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo profesor Modesto Corderí

Unha conferencia achégase “á gran descoñecida potencia mundial” que é China

Nela destacouse o interese deste país tanto desde o punto de vista económico como cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 25/10/2022

A República Popular China é un dos países máis antigos e máis poboado do mundo, con máis de 1400 millóns de habitantes. Tamén é a primeira potencia económica mundial por PIB. Todas estas características fan del un foco de especial interese desde calquera punto de vista que se poida prantexar, desde o cultural ao empresarial. Atendendo a esta relevancia e co obxectivo de achegar este país ao seu alumnado, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este martes a conferencia China 2025. A gran descoñecida potencia mundial.

A conferencia foi ofrecida por Modesto Corderí, que conta cunha dilatada traxectoria profesional en relación ao país asiático, sendo profesor do Departamento de Chinés da Escola Oficial de Idiomas da Coruña e docente da Consellaría de Educación; Máster MTCSOL e Comercio Internacional pola Universidade de Pequín; doutor en Linguas en Contornas Multilingües pola Universidade do País Vasco; Premio á Mellor Actividade Didáctica en Chinés (Maryland- USA, 2016), e relator de conferencias en institucións académicas como Notre Dame (Indiana) ou Princeton (USA).

Do económico ao cultural

Na súa intervención, Modesto Corderí explicou “como foi a transformación de China desde os anos 70 ata agora e os últimos cambios acontecidos tanto políticos como empresariais”. Así, detallou, durante este período o país asiático viviu un crecemento económico moi forte, coa súa apertura nos anos 70, 80 e 90 do século pasado. Porén, indicou, agora esta situación está cambiando co novo presidente chinés cara unha época máis pechada. “Non sabemos moi ben o que vai a pasar, é unha época de incerteza”, sinalou.

O relator tamén analizou co alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo presente algúns casos de estudo de éxito e fracaso empresarial en China e os seus motivos. Tamén fixo unha introdución da súa experiencia de nove anos vivindo en Pequín, onde traballou no Instituto Cervantes e na embaixada de España e fixo a titulación de Filoloxía China. “A miña experiencia é moi positiva. Tratáronme moi ben e aprendín moitísimo”, dixo. Na última parte da súa  intervención falou das diferenzas culturais que atopa entre España, Galicia e o país asiático. “Culturalmente China ten 5000 anos de historia, ten arte, música, historia, ten de todo. É un mundo incrible por descubrir”, afirmou o relator.

Modesto Corderí tamén subliñou na súa  intervención que “China é unha potencia económica, empresarial, tecnolóxica e en todos os aspectos; todo o mundo ou quere comprar cousas de China ou quere venderlle cousas a China” polo que, dixo, “é necesario cooperar con ela”. Neste senso sinalou que “temos que aprender a convivir con eles”. Por todos os motivos expostos, desde económico a culturais, o convidado animou ao alumnado universitario presente a que, cando poida polas súas circunstancias persoais e polas restricións existentes no país asiático debido á covid-19, visiten China.