DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Rafael Buhigas será o encargado de abordar esta temática

Unha conferencia afondará na importancia da inclusión da voz xitana no relato histórico

As persoas interesadas poderán seguir a súa intervención a través do Campus Remoto da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 09/12/2020

É o mesmo historia dos xitanos que historia xitana?, cambia moito coñecer a historia e as distintas realidades da maior minoría do estado se se conta coa voz dos protagonistas? Co obxectivo de responder a estas e outras preguntas similares, o Campus Remoto da UVigo acollerá o xoves 10 de decembro a conferencia Democratizar a nosa historia: a inclusión da voz xitana no relato histórico, ofrecida polo investigador e activista xitano Rafael Buhigas.

Segundo explica David Álvarez, profesor de Ética e Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizador da actividade, esta iniciativa ten diversos obxectivos. Así, detalla, a conferencia pretende “informar dos procesos de conformación da historia sobre o pobo xitano como minoría subalterna e expor exemplos de construción da historia da minoría xitana que informan a recepción do relato e a praxe dos axentes sociais e educativos”. Tamén quere, engade, “concienciar do papel destes relatos na lexitimación e reprodución histórica e acumulativa de inxustizas socias e sobre a necesidade de ter en conta as voces e perspectivas expertas xitanas na academia e no deseño de políticas”. Por último, indica o profesor, con este acto quérese presentar e discutir exemplos de malas praxes neste eido nas ciencias sociais e na historia.

Renovar o enfoque

A conferencia será ofrecida por Rafael Buhigas, investigador na Facultade de Historia da Universidad Complutense de Madrid que conta segundo a organización do evento “cun acreditado (e premiado internacionalmente) currículo académico especializado na historia do pobo xitano, cunha ampla experiencia como activista nos movementos xitanos e cun importante labor divulgador”. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento sobre a historia dos xitanos madrileños no franquismo e a transición e coordina o Círculo de Estudios Gitanos da súa universidade en colaboración coa UNSAM (Arxentina).

Segundo adianta Rafael Buhigas, “neste relatorio repasaremos someramente a historia dos xitanos en dous sentidos. Por unha banda, os aspectos, fitos e fenómenos históricos que conforman a panorámica xeral dos romanís no mundo desde a súa saída da India no século XI. Por outro, aqueles episodios máis descoñecidos que incumben á vida cotiá e subalterna das comunidades xitanas, con especial atención ao grupo caló español, permitíndonos entender hoxe que a realidade das itinerancias romanís é diversa e complexa”. Ademais, engade o experto, abordará na súa intervención as características elementais de “unha pregunta chamada a alcanzar gran protagonismo dentro dos renovados enfoques historiográficos e académicos sobre o estudo dos xitanos: historia xitana ou historia dos xitanos? cales son os límites entre unha e outra? quen contou ata agora a nosa historia e que podemos facer para cambiala?”.

“A historia de España e a historia do mundo tamén é a historia dos xitanos”, subliña o experto, que fai fincapé en como para mudar o xeito en que se ten contado a historia dos xitanos é preciso conceder “espazos de representación aos propios xitanos e ás metodoloxías que entenden a súa traxectoria a través do tempo como un cúmulo de fenómenos complexos que en ningún caso se poden reducir a un relato ou a un mero recoñecemento institucional”.

A actividade, aberta ao público interesado, está organizada dentro do programa de Extensión Cultural da Universidade de Vigo e desenvolverase ás 18.00 h a través do Campus Remoto da UVigo, no seguinte enlace: https://campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/1058121968, entrando no apartado de estudantado coa clave hpNt5b4q (non é preciso rexistro previo).