DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrecida pola asesora económica do Banco de España Patrocinio Tello-Casas

Unha conferencia analiza a accesibilidade presencial aos servizos bancarios

A actividade forma parte do programa UVigo Leadership School

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 29/11/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este martes unha nova sesión da iniciativa Diálogos con..., do programa UVigo Leadership School, que a Universidade de Vigo desenvolve en colaboración coa Fundación Banco Sabadell e a Fundación Mentor. Nesta ocasión, Patrocinio Tello-Casas, asesora económica do Banco de España (Departamento de Relacións Internacionais e Europeas), ofreceu unha conferencia centrada na accesibilidade presencial aos servizos bancarios en España.

Na presentación da conferencia, José María Martín Moreno, vicerreitor de Relacións coa Empresa da Universidade de Vigo, explicou que Diálogos con... pretende achegar á comunidade universitaria especialistas de referencia en temáticas de interese, como foi na sesión celebrada en Ourense “un tema transcendental neste momento como é o debate sobre a España baleirada e os motivos que a explican ou a exteriorizan” e “a desigualdade entre zonas rurais e urbanas no acceso a servizos de distinta índole por parte dos cidadáns”. 

Identificar zonas e colectivos

Patrocinio Tello-Casas explicou que a finais do ano pasado, no Banco de España creouse un grupo de traballo con especialistas de diferentes ámbitos para analizar a accesibilidade bancaria. O seu primeiro estudo, que centrou a conferencia da convidada, “mapea” España identificando zonas e colectivos para os que esta accesibilidade presencial é máis difícil. Vindeiros traballos deste grupo, adiantou, centraranse en analizar as medidas que están tomando outros países en diferentes ámbitos para paliar esta situación e en avaliar cales son as medidas máis eficaces para aplicar no contexto español. A accesibilidade presencial bancaria, apuntou a convidada, constitúe unha cuestión “de interese para a sociedade” pois, dixo, non todas as persoas teñen xa adquiridas as habilidades tecnolóxicas precisas para acceder a través da tecnoloxía á banca, sinalando como neste contexto “hai que prover a esas persoas neste período de transición dos servizos básicos”.     

Na súa conferencia, a relatora achegouse a datos provinciais, autonómicos e estatais, ademais de europeos, de porcentaxe da poboación que reside en municipios sen oficina ou medio alternativo (caixeiro automático, ofibus, servizo de correos, etc), de porcentaxe de municipios sen oficina ou medio alternativo e a distancia que a cidadanía ten que percorrer para acceder desde outro municipio. Entre estes datos, indicou que en Galicia Pontevedra sería a provincia con mellores datos de accesibilidade presencial a servizos bancarios e Ourense a que peores cifras tería. Porén, explicou, aínda que Ourense sexa dentro da comunidade galega a provincia que ten unha peor accesibilidade aos servizos bancarios presenciais “segue sendo mellor que a media de España”.

Nesta mesma liña, Patrocinio Tello-Casas indicou que como resultado do proceso de consolidación bancaria, en España téñense pechado máis oficinas que no resto de Europa pero, subliñou, “tamén é verdade que o punto de partida era moi superior” en puntos de acceso efectivo por habitante, polo que “España segue tendo unha media superior a Europa”. A convidada tamén abordou cuestións como o impacto nesta accesibilidade da demografía, tanto o despoboamento como a dispersión e envellecemento da poboación, e apuntou que as diferenzas entre zonas rurais e urbanas neste acceso é algo xeral no contexto galego, estatal e europeo.