DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O consultor Jorge Aguilera abriu os 'Social Media Webminars'

Unha conferencia analiza o papel das redes sociais nas "guerras pola opinión pública"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/11/2020

Dirixidos a complementar a formación do alumnado do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais en diferentes cuestións relacionadas coas materias da titulación, os Social Media Webinars arrincaron na tarde deste martes poñendo o foco no papel das redes sociais na comunicación de crise. Este ciclo de relatorios virtuais, que se desenvolve a través de Campus Remoto, abriuse cunha conferencia do consultor e investigador colombiano Jorge Aguilera, centrada nas “guerras híbridas” e no uso de “información falsa que pretende guiar a opinión pública cara un ou outro sector”.

A primeira das seis conferencias que integran este ciclo foi moderada pola profesora Ana Belén Fernández Souto e contou tamén coa intervención na súa apertura do coordinador deste mestrado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xabier Martínez Rolán. Nel, Aguilera contrapuxo a anterior xestión comunicativa de crises “accidentais”, cun momento actual no que “hai moitas situacións de crise que son planeadas”. Con esa idea, achegou unha serie de exemplos de uso intencionado de noticias falsas por parte de múltiples axentes, xa non só co obxectivo de “difundir un punto de vista, senón de xerar pánico ou odio ao contrario”. Neste actual contexto de “guerras de opinión pública”, Aguilera subliñou a importancia de entender como se xera a opinión pública nas redes sociais e as diferencias que existen no comportamento da audiencia nestas plataformas e a nos medios de comunicación de masas.

Tras esta primeira xornada, os Social Media Webinars continúan o 15 de decembro cunha conferencia sobre o papel das redes sociais na publicidade política do profesor da Universidad Carlos III de Madrid Raúl Margallón. Xa en xaneiro, o ciclo centrarase nas ferramentas de captura e análise de datos procedentes das redes sociais, nun seminario impartido polo desenvolvedor Berto Yañéz, mentres que as novas estratexias de promoción dixital de contidos audiovisuais centrarán a conferencia que impartirá en marzo a docente e investigadora Elena Neira. Previamente, o 10 de febreiro, o presidente da Asociación Galega do Márketing Markea, José Luis Reza, protagonizará a primeira das conferencias centradas na presentación dunha entrevista de traballo, actividade que se completará en abril co relatorio do CEO de Iconweb Alberto Garnil.