DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do curso de actualización da Facultade de Dereito

Unha conferencia aproxímase ao diñeiro electrónico e aos criptoactivos desde unha perspectiva xurídica

Foi ofrecida polo catedrático de Dereito Mercantil Agustín Madrid

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 18/03/2022

O Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito do campus de Ourense continuou este venres co seu programa de conferencias cunha sesión centrada no diñeiro electrónico e os criptoactivos. Nela, Agustín Madrid, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, ofreceu unha perspectiva xurídica sobre esta cuestión explicando como “agora mesmo carecemos da normativa necesaria” neste eido.

A conferencia foi presentada por Susana González, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana da Facultade de Dereito, e Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo. Cada conferencia deste Curso de Actualización Xurídica está organizada por unha área diferente da facultade, sendo nesta ocasión a encargada a Área de Dereito Mercantil. Na benvida a Agustín Madrid, destacouse a dilatada traxectoria do relator e a pertinencia de abordar unha cuestión de moita actualidade como é o diñeiro electrónico tanto desde o punto de vista económico como xurídico.

Instrumentos de pago e/ou investimento

Apuntando que “o diñeiro electrónico é algo que todos utilizamos”, o relator durante a súa conferencia ante o alumnado e profesorado presente aclarou conceptos erróneos arredor del e dos criptoactivos e achegouse á realidade e os retos de futuro neste eido desde un punto de vista xurídico. Sobre o diñeiro electrónico apuntou que “uns medios o son e outros non aínda que os chamemos así”. Igualmente, sobre os criptoactivos indicou que “hai unha clase deles que encaixan co diñeiro electrónico e outros que non teñen nada que ver”.  Así, detallou o relator, aínda que o diñeiro electrónico é un instrumento, un medio de pago que emprega as novas tecnoloxías, “cando falamos de criptoactivos non só estamos falando de medios de pago, senón que en realidade na actualidade estanse a utilizar fundamentalmente como un instrumento de investimento”. Porén, indicou, “existe esa dobre vertente e desde o punto de vista xurídico é relevante ver os aspectos do seu uso como medio de pago ou como instrumento de investimento”.

No que respecta ás criptomoedas, Agustín Madrid explicou que “o seu propio nome leva a confusión. Dicimos que son cripto, porque empregan tecnoloxías criptográficas, en concreto blockchain, e o de moedas refírese a que é un instrumento de pago, un equivalente funcional do diñeiro en efectivo, e non sempre é así”. Deste xeito, detallou, “chamamos moeda a algo que fundamentalmente se está empregando como instrumento de investimento e sobre todo de investimento especulativo e non como forma de pago”. Os que os teñen por exemplo bitcoins, apuntou, a primeira criptomoeda, “non os adquiren ou teñen para usalo para pagar a compra, o xornal ou un coche. Téñenos con outra finalidade”.

Neste contexto, o catedrático de Dereito Mercantil explicou que a nivel xurídico os grandes retos para o lexislador son dous. En primeiro lugar, introducir no ordenamento xurídico ferramentas que permitan configurar xuridicamente estes instrumentos. En segundo lugar, atribuír ás autoridades en materia monetaria, en materia de investimento, como por exemplo o Banco de España ou a Comisión Nacional do Mercado de Valores, as competencias para a súa supervisión. “O risco que teñen estes instrumentos é que poden ter un efecto sistémico ao non estar supervisados. No sistema financeiro, que se faga esa caída de fichas do dominó que é ese efecto sistémico pode ter consecuencias moi graves e as autoridades teñen polo tanto que supervisalos”. Agora mesmo, afirmou o relator, “carecemos da normativa necesaria” neste eido, pois “aínda que hai un proxecto na Unión Europea, o proxecto Mica, que vai a regular esta materia, non o fai ao cen por cen”.