DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo proxecto europeo EC4Rural, terá lugar o 1 de outubro

Unha conferencia europea reunirá en Vigo especialistas internacionais para debater sobre as comunidades enerxéticas rurais

A data límite de inscrición é o vindeiro luns 15 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/09/2025

O vindeiro 1 de outubro o campus de Vigo acollerá unha conferencia europea sobre comunidades enerxéticas rurais. O evento está organizado polo proxecto EC4Rural, liderado pola Universidade de Vigo, que ten como obxectivo transformar as relacións entre as entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa de Europa a través dunha participación activa e xusta.

Baixo o título Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas, nesta cita participarán especialistas tanto de universidades, axencias e diversos organismos de países como España, Estonia, Austria, Croacia e da propia Unión Europea. O evento coincide co ecuador do proxecto EC4Rural, polo que servirá, entre outros obxectivos, para amosar os progresos acadados nos dous primeiros anos de traballo deste consorcio de dez socios de tres países. Ademais, a conferencia servirá tamén para facilitar o intercambio de coñecementos e proporcionar un foro para que científicos e profesionais compartan os resultados das súas investigacións e experiencias prácticas relacionadas coas comunidades enerxéticas. Finalmente, axudará a fortalecer as redes e fomentar a colaboración entre as partes interesadas no ámbito das transicións enerxéticas rurais e, especialmente, as comunidades enerxéticas en toda Europa.

Inscricións ata o 15 de setembro

A conferencia está destinada a representantes de comunidades enerxéticas rurais e grupos de acción local; persoal investigador e académico especializado en comunidades enerxéticas e transicións enerxéticas rurais; asociacións, organizacións implicadas en comunidades enerxéticas; autoridades locais e rexionais implicadas na política enerxética e o desenvolvemento rural; e a todas as persoas interesadas en participar para comprometerse nunha transición enerxética limpa comandada polos cidadáns e as comunidades locais. As persoas ou entidades interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 15 de setembro, a participación é de balde. O formato do evento será híbrido e a lingua oficial será o inglés, contando con tradución ao galego nas sesións plenarias.

A conferencia arrancará o día 1 de outubro ás 09.30 horas na Facultade de Filoloxía e Tradución, coa apertura institucional e coa benvida e introdución sobre EC4Rural por parte de Antti Roose, da Universidade de Tartu, e Xavier Simón, catedrático da UVigo, investigador do Centro Interuniversitario de Investigación da Paisaxe Atlántica, Cispac e coordinador de EC4Rural. A primeira sesión centrarase en contexturalizar por que importan as comunidades enerxéticas rurais, mentres que na segunda debaterase sobre liderado local e innovación territorial e na terceira sobre políticas para as persoas e o deseño de comunidades enerxéticas inclusivas. Pola tarde, a conferencia centrarase na presentación de propostas de investigación e innovación sobre ferramentas, modelos e casos prácticos e sobre xustiza social, gobernanza e redes comunitarias.

Reunión anual do proxecto, os días 2 e 3

Aproveitando a celebración da conferencia, o campus de Vigo acollerá tamén esa mesma semana a xuntanza anual do proxecto EC4Rural. En concreto, terá lugar os días 2 e 3 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coa participación de representantes de todas as entidades no consorcio. O programa de traballo inclúe tamén unha visita ao Concello do Rosal, que participa nun dos pilotos do proxecto.

48 meses de traballo e dous proxectos piloto

O proxecto EC4Rural botou a andar hai agora dous anos, en setembro de 2023, cun orzamento de 1,6M€ cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea, dentro do subprograma Clean Energy Transition. Cunha duración total de catro anos, a UVigo lidera o consorcio multidisciplinar do que forman parte a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o  Desenvolvemento Rural, de Bélxica. 

O proxecto comprende a posta en marcha de dous pilotos en Estonia e España, con comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos. Realizaranse un total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais (12 en Estonia e 22 en Galicia), o que implica actuar sobre preto de 2700 hectáreas e 94.000 habitantes. Como explicaban os investigadores no arranque do proxecto, “estes pilotos porán a semente para a súa futura replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, grazas á difusión dos resultados a través da rede de socios e colaboradores externos”.