DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do módulo Jean Monnet “La Unión Europea y la Política Social”

Unha conferencia reflexiona sobre o papel feminino nunha Europa en crise

Impartida por Alicia Gil, terá lugar este xoves ás 17.00 horas no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 21/05/2008

As principais prexudicadas dos momentos de crise económica ao longo da historia foron sempre as mulleres e ante a complicada situación que está a vivir Europa, Alicia Gil, coordinadora e xerente da Fundación Isonomía para a Igualdade de Oportunidades da Universitat Jaume I de Castellón, impartirá un relatorio no campus para facer unha chamada á reflexión sobre o papel que o sexo feminino desenvolveu na Unión Europea ata o de agora e do futuro que lle agarda. A charla, enmarcada no módulo Jean Monnet A Unión Europea e a Política Social, organizado pola Área de Ciencia Política e a Administración, terá lugar este xoves no salón de graos do Edificio de Ferro.
Alicia Gil analizará a situación actual das mulleres europeas, afondando na análise da evolución da igualdade nas políticas europeas, ata chegar ao día de hoxe “onde desenvolverei o complicado momento de crise no que estamos e que se non se fai nada para evitalo, pagaremos as mulleres” explicou. De feito, ata o de agora “os buratos negros na economía sempre foron cubertos por nós”, polo que cómpre fomentar medidas que palíen o desemprego, a precariedade laboral ou a man de obra barata, entre outras cousas. Ademais, súmase á crise económica “a finalización das medidas comunitarias para incentivar o emprego comunitario que tiveron un grande impacto en España” co que a situación se complica e aínda que a relatora non ten a fórmula máxica para resolvela, "estou segura de que parte de que nos posicionemos para reclamar os nosos dereitos” concluíu.

O módulo Jean Monnet

O módulo forma parte do Programa Acción Jean Monnet – Módulos Europeos, cofinanciados pola Comisión Europea para a promoción do ensino nas universidades de cursos específicos sobre a integración europea. A súa coordinadora no campus de Ourense, Mónica López explicou que seu o obxectivo é “facer unha achega ao longo de varias conferencias ao ano, á axenda social comunitaria, na que entre os grandes ámbitos de traballo está a igualdade de oportunidades para homes e mulleres”.