A actividade tivo lugar este xoves na Facultade de Dereito
Unhas conferencias abordan a necesidade dun constitucionalismo global para enfrontar os grandes problemas da humanidade
Entre os relatores estivo o referente na teoría do dereito Luigi Ferrajoli
A aula magna da Facultade de Dereito do campus de Ourense encheuse este xoves para unha sesión na que se abordou a necesidade dun constitucionalismo global para enfrontar os grandes problemas da humanidade e que contou entre os seus relatores cun “dos teóricos do dereito e dos xuristas máis importantes de finais do século XX e do que vai de XXI”, Luigi Ferrajoli.
A actividade levou por título Constitucionalismo global e cuestión ecolóxica. Problemas migratorios, agroalimentarios e medio ambientais xerados polo cambio climático. Baixo a dirección do catedrático Pablo Raúl Bonorino, contou cos relatores Luigi Ferrajoli (profesor emérito da Università Roma Tre referente en temas de teoría do dereito e da democracia), María Concepción Gimeno Presa (Universidad de León) e Dario Ippolito (decano da Facultad de Ciencias, Università Roma Tre). A iniciativa enmarcouse nas actividades da Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito (Agaf) da UVigo e do Campus Auga, proxecto especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Aposta polo dereito internacional
Arrancou a programación a intervención de Luigi Ferrajoli, que foi recibido cun aplauso por parte do alumnado. Pablo Raúl Bonorino foi o encargado de presentar o convidado, do que salientou o seu papel como referente internacional. Luigi Ferrajoli, explicou, está “comprometido non só cunha defensa dos dereitos humanos senón tamén cun desenvolvemento claro dun sistema de garantías que faga que estes dereitos humanos non sexan papel mollado”. Así, a súa proposta dunha Constitución da Terra como solución aos problemas nos que se atopa a humanidade foi un dos eixos da súa intervención en Ourense.
O relator, doutor honoris causa por máis dunha trintena de universidades, sinalou que “estamos vivindo eu creo que a etapa máis dramática da historia da humanidade. A máis dramática por que por primeira vez na historia estamos en perigo, o perigo dun verdadeiro e insensato suicidio da humanidade”, xa que, indicou, “estanse destruíndo as condicións de vida sobre o planeta”. Neste punto puxo o aceno na “gravísima cuestión ecolóxica”, especialmente no aumento do quecemento. “Se o proceso continúa deste xeito, a terra pode devir inhabitable, non se pode vivir a 50, 60 graos”, afirmou. A isto sumou “outras catástrofes do mundo”, como o feito de que “as guerras están normalizadas como instrumento ordinario de resolución das controversias internacionais”, o crecemento da desigualdade, a concentración “sen precedentes da riqueza” ou o “drama dos migrantes”.
Neste contexto, Luigi Ferrajoli lembrou que “Europa, a UE, naceu sobre a igualdade e a igualdade significa igual dignidade de todas as identidades” e subliñou que “é necesario tomar en serio os principios constitucionais”, apostando por “defender a nivel global o paradigma constitucional”. Neste senso explicou como a globalización ten invertido a relación política-economía e como os maiores poderes desbordan as esferas nacionais e recae nas empresas globais. Fronte a esta situación avogou por redobrar a aposta polo dereito internacional sancionando unha constitución para a Terra.
Unha visión interdisciplinar
A xornada tamén contou coa intervención de Dario Ippolito, defensor igualmente da proposta dunha Constitución da Terra como resposta aos problemas migratorios, agroalimentarios e medio ambientais derivados do cambio climático. Completou a programación María Concepción Gimeno, que está a desenvolver, en relación coas conferencias celebradas este xoves, o proxecto The law as a tool to improve resilience and adaptation to extreme meteorological and hydrological events under climate change, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades /AEI e pola Unión Europea NextGeneration. As conferencias, comentou Pablo Raúl Bonorino, quixeron dar, desde a interdisciplinaridade, “unha perspectiva da capacidade de adaptación a extremos climáticos no pasado, presente, así como tamén no futuro, dando unha visión particular do rol do dereito e do constitucionalismo global fronte aos efectos e problemas migratorios, agroalimentarios e medio ambientais xerados polo cambio climático”.
