DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por Universidade e Concello de Pontevedra, inaugurouse este xoves no Pazo da Cultura

Un congreso achega a máis de 120 profesionais ferramentas para que exerzan de ponte entre a infancia e os libros

Centra a súa cuarta edición nas conexións da literatura con outras artes e produtos culturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/03/2022

Dirixido principalmente a todos aqueles profesionais que exercen como intermediarios entre a literatura e os nenos e nenas, o IV Congreso Internacional de Mediación Lectora botou a andar na tarde deste xoves coas súas 120 prazas cubertas, principalmente por profesorado de diferentes etapas educativas. Promovido polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo no marco das actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, este evento busca achegar unha serie de estratexias, experiencias e recursos a un conxunto de profesionais que “exercen como ponte entre a infancia e a xuventude e o ámbito da lectura”, como salienta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo, secretaria do comité organizador xunto coa docente da Facultade de Educación e Traballo Social Isabel Mociño. 

Baixo o título de Con moita arte!, o congreso inaugurado no Pazo da Cultura pon o foco nas conexións da literatura con outras artes e produtos culturais, a través dos 13 relatorios que integran o programa dunha edición que continuará, tras esta primeira xornada, os días 17 e 24 marzo. Trátase, así mesmo, dun congreso que “recupera a súa versión presencial”, tras as súa suspensión en 2020 e a edición virtual do pasado ano, como explicou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, encargado de inaugurar este evento xunto coa concelleira de Cultura, Carme Fouces. “A lectura será un dos seus polos centrais, aínda que se contemplarán tamén todas as conexións que mantén con outras mostras creativas”, engadiu Soto dun foro ao que asisten un conxunto de profesionais que, “dun ou doutro xeito, participan no proceso lector: desde a elaboración do produto creativo ata a mediación e a súa recepción”.

Con esa idea, contará nas súas tres xornadas con representantes “da tradición oral, a escrita, a ilustración, as novas tecnoloxías ou as prácticas pedagóxicas máis innovadoras”, que, como salientou o vicerreitor, buscan “transformar o mundo actual desde a perspectiva humanizadora e conciliadora que proxectan diferentes artes”. Soto destacou a presenza neste foro de figuras con “traxectorias sumamente solventes e aplaudidas”, como a do ilustrador homenaxeado nesta edición do salón, Xosé Cobas, á vez que Fouces valorou como o congreso reúne “grandes nomes” da literatura infantil e xuvenil, xunto con “referentes das novas xeracións de creadores e creadoras” e representantes “da cultura convidada nesta edición do salón, Euskal Herria”. A concelleira de Cultura subliñou tamén que “hoxe, máis que nunca, os libros hannos de salvar da barbarie”, o que fai aínda “máis importante” un congreso que constitúe “un encontro de docentes que están en permanente contacto coas crianzas”, xa que “ser capaz de transmitirlles o amor pola cultura, polos libros e pola arte vai ser o que nos traia a paz e tempos mellores”. 

Lecturas alén dos libros

Nesta cuarta edición, o congreso completou e mesmo superou as 120 prazas inicialmente ofertadas, maioritariamente, como explica Agrelo, “por profesorado en formación e en exercicio”. A presidenta do comité organizador sinala que o retorno ao formato presencial permite “conservar unha das principais esencias deste tipo de congresos, que é a creación deses espazos no que as persoas que conforman a mediación lectora poidan convivir e compartir experiencias, vivencias e recursos”. Co propósito así mesmo de “enriquecer este diálogo arredor da lectura literaria, que segue sendo o punto de referencia”, o congreso pon o foco en como esta “convive e dialoga con outras moitas mostras artísticas”, coas que “configura un artefacto cultura moito máis complexo e á súa vez máis rico”. Desde esta idea, salienta Agrelo, o congreso busca tamén afondar na importancia de promover unha “lectura orientada ás alfabetizacións múltiples, porque estamos nunha sociedade que le en diferentes linguaxes e soportes”. Deste xeito, pondo o foco nas conexións coas artes, as novas tecnoloxías ou os videoxogos, o congreso busca contribuír “á alfabetización deses neolectores”, a que as novas xeracións teñan capacidade para “interpretar e comprender esas linguaxes”, desde a “crítica e a reflexión”. 

Conexións coa historia da arte

Ilustrador, deseñador e artista plástico, Xosé Cobas abriu o congreso cunha conferencia titulada A ilustración conectada, dirixida, como sinalou a coordinadora do salón, Eva Mejuto, a afondar na importancia da “alfabetización visual”, no feito de que “lemos non só coas palabras, senón tamén coas imaxes”. Cunha ampla traxectoria no mundo da literatura infantil e xuvenil, na que traballou con escritores como Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz ou Fina Casalderrey, Cobas centrou o seu relatorio na “mirada permanente á historia da arte, fundamentalmente á pintura e á arquitectura, pero tamén á música” que se pode observar no seu traballo como ilustrador. A través dun percorrido por unha trintena de traballos, foi debullando como nas súas ilustracións poden observarse referencias ao surrealismo de Magritte ou a Juan Genovés, así como no uso que fai da abstracción “nunha busca de sensacións”. 

Nesta primeira xornada, o congreso puxo tamén o foco nas posibilidades dos videoxogos como ferramenta didáctica, da man de Galo Martínez e Rubén Carrerizo, do Museo do Videoxogo (Muvi); á vez que contou coa intervención da música e ilustradora Laura Romero e cun achegamento á proposta pedagóxica do colexio guipuscoano Zumaiena.

O vindeiro xoves 17, retomará a súa actividade coas conferencias da escritora e narradora oral Paula Carballeira e da mestra e crítica literaria María Xesús Fernández, que se centrará nos álbums que narran só con imaxes. Tamén nesta xornada, as docentes Ángeles e María Isabel Vázquez afondarán na necesidade dunha lectura reflexiva e Vicente Blanco e Salvador Cidrás presentarán as experiencias do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada. Por último, o 24 de marzo o congreso contará coa escritora e ilustradora pamplonesa Concha Pasamar, o docente e escritor biscaíño Txabi Arnal e a tamén escritora Enma Pedreira, á vez que presentará unha serie de experiencias didácticas para fomentar as competencias STEAM na mocidade da man da artista e asesora en innovación educativa Paola Guimeráns.