Ciencias da Educación e do Deporte acollerá a quinta edición do Galicia Sportech Congress
Un congreso achegará ao campus un “mapa xeral da innovación no mundo do deporte”
Coa participación de máis de 50 conferenciantes e 40 empresas
As novas ferramentas tecnolóxicas e as máis recentes innovacións no mundo do deporte son os eixes centrais do Galicia Sportech Congress, que na súa quinta edición terá novamente como sede a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Promovido polo Concello de Pontevedra e as empresas Diesemm e Hubin, co apoio, entre outros, deste centro da UVigo, este evento desenvolverase no campus entre o 1 e o 3 de abril e contará coa participación de máis de 50 relatores e relatoras e preto de 40 empresas.
Con inscrición gratuíta, o programa deste congreso presentouse este mércores no Concello, nun acto no que participaron Anabel Gulías, edil de Promoción Económica e Deportes; Óscar García, decano de Ciencias da Educación e do Deporte; David Suárez e Lalo García, responsables do comité organizador, e Francisco Cortegoso, vicepresidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Como explicou Suárez, o congreso arrancará o martes 1 cunha xornada virtual, dirixida a ofrecer “un mapa xeral da innovación no mundo do deporte”, a través da participación de profesionais e especialistas de diferentes países de Europa, América e Asia. Nas dúas seguintes xornadas, poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual e contará, entre outros, coa participación dun representante da Kings League e coa presentación da Bussiness Factory do Deporte de Galicia; actividades ás que sumará un showroom que permitirá probar as propostas tecnolóxicas das diferentes empresas.
As e os participantes nesta presentación destacaron tamén o positivo de que este evento teña lugar na facultade, favorecendo o contacto do alumnado coas empresas e profesionais do sector. Neste punto, o decano destacou o “encaixe perfecto entre o contido e o foco que ten o congreso” e o dunha facultade que conta cun grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, situado “entre os 300 primeiros do mundo no ránking de Shanghai, un Máster en Dirección Integrada de Proxectos cunha especialidade en ocio e deporte” e dous programas de doutoramento, aos que se sumará o vindeiro curso un mestrado en preparación física e readaptación deportiva, “que vainos pór nun nivel superior de especialización”. Nestas titulacións, salientou García, está presente “tanto o contido tecnolóxico como o enfoque de innovación”, co obxectivo de dotar aos futuros e futuras profesionais das competencias que logo lles permitan “mellorar a saúde, os procesos de organización e xestión no deporte, a ensinanza e aprendizaxe ou o rendemento dos nosos deportistas”, motivo polo que subliñou o valor para a facultade dun “congreso de tecnoloxía do deporte que anualmente preséntanos as novidades na casa”.