DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a xornada de hoxe en CCXX e do Traballo, continuará o resto da semana en Tui e Compostela

Un congreso analiza no campus as redes transnacionais espirituais no mundo contemporáneo

Debaten sobre como as identidades relixiosas responderon ao reto da modernidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/09/2021

Tras arrancar onte martes pola tarde en Afundación, este mércores é o campus do Vigo o que acolle o Congreso Internacional Sen fronteiras. Relixións e redes transnacionais no mundo contemporáneo, que nos próximos días se trasladará a Tui e Santiago de Compostela. 

Esta cita, organizada polos docentes Jesús de Juana, Luis Domínguez, Julio Prada, José Ramón Rodríguez e Domingo Rodríguez, do Grupo de Investigación de Historia Contemporánea, celébrase ata o venres 1 outubro coa participación de 32 especialistas de diversos centros de investigación de Arxentina, Colombia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Xapón, Portugal e Reino Unido. Ao longo das catro xornadas as e os participantes están a analizar como as identidades e organizacións relixiosas responderon ao reto da modernidade competindo coas identidades e organización de carácter nacional que emerxeron con forza no mundo contemporáneo. Dende unha perspectiva histórica e sociolóxica, a finalidade é estudar como as redes confesionais, máis aló das fronteiras, foron quen de perdurar e conservar a súa influencia.

A benvida aos asistentes correu a cargo do profesor José Ramón Rodríguez Lago, que fixo fincapé en que a celebración desta xornada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo é un mostra de que é un centro multidisciplinar e un “exemplo de cooperación académica”, onde graos e departamentos diferentes traballan en conxunto para “romper fronteiras, que é do que falamos hoxe”. Pola súa banda, o decano da facultade, Francisco Torres, agradeceu o traballo dos docentes implicados na organización do evento e puxo en valor esta multidisciplinariedade do centro, “nunha semana na que tamén acolle xornadas sobre propiedade intelectual, dereito da competencia ou a restrición de dereitos fundamentais durante a crise sanitaria”.

Os nacionalcatolicismos, da man de Alfonso Botti

Alfonso Botti, catedrático de Historia Contemporánea da Università di Modena e Reggio Emilia, foi o encargado da conferencia de apertura da xornada, na que analizou a dimensión transnacional dos nacionalcatolicismos. “Hispanista de recoñecido prestixio e especialista consumado no estudo dos nacionalismos”, en palabras de Rodríguez Lago, ten publicado libros e investigacións centrados no caso español. Na súa intervención repasou a evolución histórica das relacións entre o nacionalismo e o catolicismo en países como Francia, Portugal, España, Hungría, Alemaña ou Croacia. Segundo explicou, o nacionalcatolicismo non deixa de ser un oxímoro, xa que “o nacionalismo é particularismo e o catolicismo é universalismo; o primeiro é construtor dun nós, excluínte dos demais, e o segundo dunha comunidade incluínte, a Igrexa”. 

Proceso de nacionalización do catolicismo 

Fronte aos nacionalismos tradicionais, democráticos e liberais, nos anos 80 do século XIX xurde un novo nacionalismo, uns movementos que segundo Botti son “prevalentemente autoritarios, de dereitas e operan a partir de estados existentes para plantexar proxectos políticos antiilustrados, antiliberais e antidemocráticos. Baséanse na crenza de que o interese da nación supera o dos individuos e destacan por políticas imperialistas, colonialistas e belicistas e cristalizan en movementos e partidos que queren impoñer a súa propia visión da nación e do estado. “Na raíz dos novos nacionalistas adoita tamén haber unha derrota destacada a partir da cal presentan a necesidade dunha rexeneración nacional”, engade o historiador. Tamén apunta o racismo, supremacismo e antisemitismo como características destes novos nacionalismos, que constrúen inimigos tanto máis aló das súas fronteiras como dentro delas. “Todos eles adoptan unha orientación concreta fronte á relixión como factor de cohesión social, como modelo xerárquico de organización e como factor identitario, incluso cando se presentan como movementos non confesionais e mesmo cando están liderados por intelectuais agnósticos”. 

Fronte a estes novos nacionalismos, explica Botti, a Igrexa comprende que representan unha ameaza ao seu universalismo, xa que rompen a “unidade do xénero humano” e dende o catolicismo foron criticados por antepoñer a nación á persoa e pola súa carga belicista. “Todo isto tíñao moi claro a xerarquía eclesiástica cando estourou a Gran Guerra, que implicou un salto no proceso de nacionalización sen precedentes dos diferentes catolicismos tantos dos países involucrados no conflitos como nos alleos”. Aínda así, tanto antes como despois da IGM, lembra o investigador, “a Igrexa demostra que non lle molesta o antisocialismo e antiindividualismo destes nacionalismos nin a idea da sociedade homoxénea, da cal a unidade católica era un piar”. Deste xeito, no seo da Igrexa vai xurdindo a distinción entre un nacionalismo malo e un nacionalismo bo, que é compatible co catolicismo. Isto acaba por plasmarse na encíclica Ubi Arcano de decembro de 1922 na que Pío XI rexeitou o “nacionalismo exaxerado”, o que implicaba, segundo apunta Botti, “recoñecer a existencia dun nacionalismo non exaxerado que a Igrexa admitía”. Precisamente, esta distinción foi a que “abriu as portas” do catolicismo aos movementos nacionalistas, como o fascista, “que se aproveitaron dunha liña de demarcación” pouco clara e ante a cal optaron por definirse como non exaxerados. “Se un partido ou movemento nacionalista recoñece o papel da Igrexa, de forma conseguinte a Igrexa esquécese de estigmatizar dito nacionalismo e tenta reconducilo na ámbito da doutrina católica”. A partir deste punto, o historiador repasou este proceso de nacionalización do catolicismo nos diferentes países europeos, dende a ditadura franquista ata a relación da Igrexa co réxime nazi.

Catro paneis de debate

A xornada deste mércores na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo comprende catro paneis de debate. O primeiro, titulado Nacións, imperios, misión, contou coa participación de Ignacio Martínez, da Universidad Nacional de Rosario, que falou sobre os marcos nacionais da igrexa transnacional en Sudamérica no século XIX; Consolación Fernández Mellen, da Universidade Católica Portuguesa, cun relatorio sobre a Igrexa católica en Cuba no século XIX e Ignacio Uría, da Universidad de Alcalá de Henares, que tamén analizou o cambio e a continuidade do catolicismo cubano entre 1902 e 1962. O segundo papel centrouse nas redes transnacionais dos nacionalcatolicismos, con Ciro E. Becerra, da Universidad del Atlántico, que falou sobre o franquismo e o discurso da Hispanidade en Colombia; Chiaki Watanabe, da Aoyama Gakuin University, que analizou o papel dos xesuítas españois no Xapón contemporáneo e Fernando Crovetto e Onésimo Díaz, da Universidad de Navarra, que falaron sobre a expansión internacional do Opus Dei durante os anos corenta.

Xa pola tarde, nun terceiro panel abordaranse temas como o factor católico nas guerras culturais de Bélxica, as redes transnacionais da revista Cruz y Raya e a PaxRomana e as redes transnacionais de Joaquín Ruiz-Giménez. A xornada péchase cun cuarto panel sobre a identidade católica e a cooperación eclesial dos españois en Nova York durante o século XIX; as estratexias misioneiras en Angola; a expansión trasatlántica dos Cursillos de Cristiandad e as redes transnacionais católicas na resistencia e oposición ao Estado Novo.

Mañá xoves o congreso desprazarase a Tui e o venres rematará en Santiago de Compostela.