DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A lusofonía é o eixo do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

Un congreso analiza o papel de Galicia nunha comunidade de 260 millóns de persoas

O evento reúne en Pontevedra a especialistas de Portugal, Brasil, Cabo Verde ou Timor Leste

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Reitor
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/03/2019

Máis de 260 millóns de persoas, o 3,8 da poboación mundial, teñen no portugués a súa lingua materna ou oficial, cifra que prevese que poida alcanzar os 355 millóns en 2050. Analizar o papel que Galicia pode xogar no espazo da lusofonía é o propósito central do III Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo promove xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Baixo o título de Galicia e a lusofonía diante dos desafíos globais, o congreso, que conta co apoio do Concello de Pontevedra, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, reúne na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a especialistas de Galicia, Portugal, Brasil, Cabo Verde e Timor Leste co propósito de abordar o papel de Galicia no mundo lusófono desde as ópticas política, económica, sociocultural e xeopolítica.

“Nós miramos á lusofonía como unha fonte de colaboración”, salientou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, do congreso que, con 16 conferenciantes e máis de 60 inscritos e inscritas, se desenvolve nas xornadas de mércores e xoves no campus pontevedrés. Na súa inauguración, Reigosa reivindicou a aposta da institución académica polo idioma galego, entre outros factores, “porque pensamos que podemos mellorar moito as condicións de vida dos cidadáns aproveitando os espazos de oportunidade que se xeran dentro da lusofonía”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, incidiu neste acto na importancia de “seguir fortalecendo a relación entre Galicia e o norte de Portugal”, mentres que o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde, puxo o acento na necesidade de defender o galego para que Galicia “manteña unha voz propia neste mundo global”, tendo en conta “a posibilidade que ofrece de dialogar con toda a lusofonía”.

A importancia da cooperación e das relacións comerciais

O director do Igadi, Daniel González Palau, codirector do congreso xunto aos profesores Álvaro Xosé López Mira e Celso Cancela, foi o responsable de abrir un acto que tamén puxo o foco na importancia das relacións entre Galicia e Portugal. “Galicia representa para Portugal o seu maior comprador”, mentres Portugal é o segundo destino máis importante para as exportacións galegas, apuntou o vice-cónsul de Portugal en Vigo, Manuel Correia, para quen a “relación histórica, cultural e lingüística” entre os dous territorios “ten facilitado moito os investimentos económicos”. Así mesmo, o subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta e director da Asociación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago, puxo o foco na importancia da colaboración entre dúas rexións, que impulsaron na década de 1990 a primeira comunidade de traballo da península e, posteriormente, a primeira asociación de cooperación territorial da península e a terceira de Europa.

O terceiro idioma máis usado en Facebook e Twitter

Defender a importancia da lingua portuguesa como un “valor global” foi o obxecto central da conferencia coa que a directora do Centro de Lingua Portuguesa do Instituto Camoes en Madrid, Filipa Soares, abriu este congreso. “Falamos dunha lingua que é patrimonio de moita xente, unha lingua pluricontinental”, salientou Soares,  que apuntou que se ben na actualidade preto de 260 millóns de persoas teñen no portugués a súa lingua materna ou oficial, as previsións apunta que a cifra pode situarse nos 355 millóns en 2050 e chegar aos 520 millóns no 2100. Os países de lingua portuguesa, engadiu, representan, “’o 4% da riqueza mundial”, figurando entre eles estados como Brasil, Mozambique e Angola que son tamén algúns dos países con maiores recursos en materia de hidrocarburos, ademais de acumular no seu conxunto o 16% das reservas de auga doce do mundo”.

Con estes datos, Soares buscaba pór de relevo a importancia dunha comunidade articulada en torno “ao cuarto idioma máis falado no mundo actualmente” e que é figura tamén, sinalou, entre “as cinco linguas máis utilizadas en internet”. Soares sinalou tamén que se trata do terceiro idioma con maior presenza nas redes sociais Facebook e Twitter co propósito de pór de relevo o “que o portugués pode significar para a formación de cidadáns do mundo de hoxe”, no que “a aprendizaxe dos idiomas é unha plusvalía”, motivo polo que incidiu en como a “proximidade lingüística” co galego pode levar á autonomía a xogar “un papel importante” no contexto da lusofonía. 

A política abre unha serie de catro mesas de debate

Representantes dos catro grupos presentes no Parlamento de Galicia protagonizaron esta tarde a primeira das catro mesas de debate que articulan este congreso, que pode seguirse en directo a través de UVigo TV. Moderada por Celso Cancela, esta sesión política contou coa participación dos deputados César Fernández (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Concepción Burgo (PSdeG-PSOE) e Olalla Rodil (BNG).

Na xornada do xoves, o congreso continuará cunha sesión económica, na que participan Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega; Luz Castro, de Imaxin Software, e o analista brasileiro Wesley Sá Teles Guerra, fundador do Centro de Estudos das Relações Internacionais. A continuación terá lugar a sesión sociocultural, na que intervirán Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, o avogado e escritor caboverdiano Germano Almeida, Premio Camões de novela en 2018, e o investigador da USC e ex-presidente da Associação Internacional de Lusitanistas Elías Torres. Pola tarde, esta abordaxe do papel de Galicia no mundo lusófono completarase coa sesión xeopolítica, coa presenza do investigador da Universidade do Porto João Casqueira, a investigadora da Universidade Nova de Lisboa María Sousa Galito e o escritor de Timor Leste Luis Cardoso. O congreso pecharase coa conferencia A Lei Paz Andrade como modelo de cooperación de integración europea, a cargo do empresario Xosé Carlos Morell, responsable de iniciativa cidadá que, hai cinco anos, deu lugar a esta lei autonómica.