DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por investigadores de BBAA, desenvolverase en novembro na Casa das Campás e no CGAC

O congreso de arte de acción Fugas e Interferencias internacionalízase

Ata o venres 29 mantense aberto o prazo de presentación de traballos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/06/2018

Na súa terceira edición, o único congreso académico dedicado á performance en España, Fugas e Interferencias, converterase en internacional. Os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro, a Casa das Campás e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) serán novamente as sedes dun congreso que combina a reflexión teórica sobre a arte de acción cun programa de performances. Ata o 29 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de investigacións ao agora Congreso Internacional de Arte de Acción, que promoven investigadores e investigadoras da Facultade de Belas Artes.

“Aínda que o ano pasado xa tivemos unha presenza internacional tanto nos relatores como nos participantes, este ano decidimos facer un esforzo adicional e abrirnos ao internacional, porque pensamos que pode ser interesante abordar un panorama máis amplo, contar con reflexións de fóra, xa que sabemos que aí núcleos que están reflectindo unha forma moi interesante de abordar a arte de acción en centro Europa, nos Estados Unidos...”, apunta o profesor Carlos Tejo, responsable xunto a Alba Blanco e Marta Pol do comité organizador dun congreso que nese senso, xa contou en 2017, con conferenciantes internacionais como a profesora da Universidad de la Patagonia Cecilia Perea ou o investigador da Universidade de Bolonia Marco de Marinis 

Co programa aínda pendente de definición, Tejo sinala nese senso o propósito de acadar “unha presenza internacional importante” na serie de conferencias plenarias que reunirá este evento en torno a tres liñas temáticas; a reflexión teórica sobre a arte de acción, a investigación da “natureza híbrida” desta disciplina e a incorporación de estratexias procedentes do teatro contemporáneo, a videoarte e a danza; e as “posibles interseccións entre a arte de acción e o contexto político”, na que se engloba tamén a abordaxe da arte de acción desde a perspectiva de xénero ou desde o feminismo.

Conectando unha comunidade

Galego, español e inglés serán neste 2018 os tres idiomas oficiais dun congreso que mantén ata o 29 de xuño aberto o prazo de presentación de resumos para os investigadores e investigadores que queiran presentar os seus artigos nun congreso que se completa coa edición dun libro de actas dirixido a achegar reflexión teórica a unha disciplina pouco abordada desde o punto de vista académico, como sinalan desde a organización. “Penso que a valoración é moi positiva, alén das dúas publicacións que conseguimos sacar relacionadas directamente co congreso, conseguimos tamén crear unha comunidade que de repente se conecta e se coñece e na que poden xurdir outros proxectos”, sinala Tejo, quen recoñece a importancia de conectar aos e ás investigadoras que traballan neste ámbito que implica un evento que, ademais da propia reflexión sobre a práctica artística, supón tamén unha oportunidade “para que poidan xurdir outras sinerxías”.