A cita celébrase no campus de Ourense os días 12, 13 e 14
O congreso CoDi pon en valor e reivindica o impacto social da divulgación científica e da transferencia
Conta coa participación de máis dun centenar de persoas de 7 países
O campus de Ourense é este mércores, xoves e venres sede da primeira edición do Congreso de divulgación, transferencia e impacto social da ciencia (CoDi). A cita, organizada pola Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información SL, reúne máis dun centenar de participantes de sete países (España, México, Brasil, Portugal, Francia, Italia e Romanía) co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecementos e promover a divulgación científica e a transferencia entre a comunidade académica e o público en xeral.
O congreso conta cunha programación na que está previsto que se presenten catro conferencias, 39 comunicacións e 14 pósters. O perfil de participantes é de especialistas relacionados de xeito diverso coa divulgación científica e a transferencia principalmente en universidades públicas, bibliotecas, centros de investigación e fundacións. Neste marco de traballo, CoDi preséntase como un espazo para o intercambio de ideas, a análise crítica e a colaboración entre a comunidade científica, divulgadora e profesional de diversas disciplinas. A través deste evento, as entidades organizadoras buscan “avanzar cara unha comprensión máis profunda de como a ciencia pode contribuír positivamente ao benestar social e como podemos tratar os desafíos éticos e sociais que xorden no camiño do progreso científico”.
Tres días de actividade
A actividade arrancou este mércores pola tarde no edificio de Ferro do campus cunha apertura na que Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo e presidenta dos comités científico e organizador do evento, agradeceu e puxo en valor o compromiso das persoas participantes nesta edición de CoDi a prol de que “a investigación se comunique sen xergas nin grandes tecnicismos para chegar diáfana e con aplicación á sociedade”. Do mesmo xeito, José Rúas, coordinador do congreso e profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, destacou a importancia de “apostar pola transferencia e a investigación” tanto en xeral na sociedade como en concreto por parte da comunidade científica e investigadora. Neste senso subliñou a importancia de que este último colectivo saia do “ensimesmamento en que moitas veces estamos da produción científica e os papers” e achegue o seu traballo á cidadanía.
Pola súa banda, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, amosou o seu desexo de que “este congreso cumpra os seus obxectivos e se contribúa así ao fortalecemento da divulgación científica desde a universidade á sociedade”. Na mesma liña Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, ademais de agradecer a elección desta cidade para este evento puxo de relevo importancia da súa temática e da necesidade de que os avances no coñecemento “non se queden en estudos científicos e se transfiran á sociedade”.
Tras esta inauguración oficial, a programación arrancou cun relatorio titulado Ciencia de primeira plana, ofrecido por Eduardo Rolland, periodista, escritor e guionista audiovisual; dúas mesas redondas (unha sobre as unidades de cultura científica e as cátedras institucionais e outra sobre a transferencia e divulgación en Galicia) e rematou cunha mesa redonda sobre o papel das institucións na mellora da transferencia. O segundo día, a programación comezará cunha conferencia sobre intelixencia artificial en comunicación e divulgación, a cargo de Óscar Huertas, responsable de Comunicación e Divulgación do Instituto DaSCI-UGR, e pecharase cunha representación artística divulgativa titulada La chispa mágica, con Manuel Vicente e César Goldi, que terá lugar no Auditorio Municipal, aberta ás persoas interesadas. O último día de CoDi iniciarase pola súa banda cunha intervención sobre indicadores de impacto social das revistas do SCImago Journal Rank, a cargo de Félix de Moya Anegón, de SCImago Lab, e rematará coa entrega de premios aos mellores pósters do congreso; a presentación do seu resumo e conclusións e a súa clausura oficial.