DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira edición do simposio desenvólvese ata sábado entre Pontevedra e Compostela

O Congreso Fugas e Interferencias reivindica a necesidade de dotar a arte de acción dun corpo teórico

Por primeira vez conta cunha perspectiva internacional sobre esta “disciplina periférica”

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/11/2018

A arte de acción é unha disciplina creativa “minoritaria e periférica” e, como tal, avanzar na reflexión teórica neste campo convértese nun reto para as e os especialistas. Para poder facelo, hai tres anos naceu no seo da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra o Congreso Fugas e Interferencias, organizado polos profesores Carlos Tejo e Marta Pol en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea. A finalidade deste simposio, que este xoves inaugurou a súa terceira edición, é centrarse na análise e a reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción sobre unha disciplina pouco abordada desde o ámbito académico. 

No acto de apertura do simposio, Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, fixo fincapé en que este é “o único congreso en España que aborda a vertente académica da performance, e iso témolo que pór en valor, porque falamos dunha arte viva, ligada ao movemento, falamos dos alicerces da bodyart, da arte conceptual, en definitiva, estamos a falar de acción poética, de poesía visual, da vida...”. O profesor Carlos Tejo explicou que a arte en acción é “un campo difícil e a investigación neste eido é complicada e periférica e, por esa razón, resulta unha tarefa ardua atopar xente que participe nun congreso deste tipo e faga unha crítica interesante para os obxectivos do congreso, pero tivemos a sorte de recibir máis propostas de comunicacións ca nunca”. Remarcou que dende a organización pretenden afastarse “dos estereotipos que están rodeando a arte de acción hoxe en día e intentar reflexionar sobre algo que non transite polos tópicos que estamos acostumados, dentro da crítica da arte en acción tradicional, por dicilo dalgún xeito”. Neste sentido, Marta Pol remarcou o carácter complexo deste campo de traballo, “unha disciplina minoritaria, á veces mal entendida, e cómpre avanzar nos aspectos teóricos, porque mentres si existen recursos e plataformas para a práctica, a reflexión e a teoría é escasa e debemos fomentala no eido universitario para darlle un corpo teórico á arte de acción”. Pola súa banda, a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, referiuse a esta vertente académica xa que “este simposio é unha oportunidade para visibilizar a investigación académica, a parte máis oculta das facultades, sobre todo nas do eido das humanidades e as ciencias sociais”.

Tres días para avanzar na reflexión teórica

O simposio arrancou hoxe na Casa das Campás, pero a xornada de tarde, así como as de mañá venres e o sábado, trasládanse ao Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela. En total desenvolveranse seis mesas de comunicacións nas que preto de 20 investigadores e investigadoras abordarán esta arte desde múltiples disciplinas, incluíndo campos como a relación da performance coa tecnoloxía ou o seu uso como ferramenta política. Así, presentaranse relatorios sobre a reflexión teórica sobre a arte de acción; a natureza híbrida desta disciplina e a incorporación de estratexias procedentes do teatro contemporáneo, a videoarte e a danza; e as posibles interseccións entre a arte de acción e o contexto político, a perspectiva de xénero e o feminismo. O programa complétase con conferencias plenarias e unha serie de performances, tanto nas rúas de Pontevedra, no mediodía dos xoves 29, como no CGAC, onde o venres 30 e sábado 1 terán lugar as accións de Amaya González Reyes e Berio Molina. De feito, tras o acto de apertura e presentación das actas da pasada edición e dunha mesa redonda sobre a reflexión teórica da arte en acción, na que participaron Julio Fernández, da Universidad de Alcalá de Henares; Diego Zorita, da Autónoma de Madrid e Nerea Ayebre e Jaime Cuenca, de Deusto, arrancou unha sesión de cinco performances a cargo do alumnado da materia Proxectos de arte de acción, que se desenvolveu nas rúas de Pontevedra e na propia Facultade de Belas Artes, onde como explicaba Tejo, “temos un caldo de cultivo marabilloso para as accións”. 

Sobre as comunicacións, o profesor Carlos Tejo valorou moi positivamente o número de propostas recibidas, “xa que se trata dun tema complicado, minoritario e periférico, que sempre está na marxe das marxes e conseguir un groso de comunicación que pasasen polo filtro dun comité científico é un motivo de alegría para os organizadores”, sobre todo tendo en conta que “en Galicia a arte en acción está na periferia da periferia”. Outros dos aspectos que destacaron os organizadores sobre esta nova edición é a súa vertente internacional, que se manterá no futuro. “Detectamos a necesidade dunha apertura internacional, porque necesitamos coñecer que tipo de reflexións se están a facer fóra sobre a arte de acción, ampliar o espectro da reflexión teórica”, explicaba Tejo na apertura, porque “dentro do Estado Español a reflexión teórica da arte de acción é moi escasa e a que existe sigue dentro duns parámetros do clásico”.