A cita terá lugar os días 5 e 6 de maio
Un congreso internacional abordará no campus o papel da filosofía na educación actual
Organizado polo grupo de investigación da UVigo Ontdif
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense é o lugar elixido para a celebración os días 5 e 6 de maio do II Congreso Internacional Ontdif. Educar Pensando: A Filosofía na Formación do Suxeito Crítico. A actividade preséntase como un espazo de reflexión e debate sobre o papel fundamental da filosofía na educación actual.
O evento está organizado desde o grupo de investigación da Universidade de Vigo Ontdif (Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas) por Brais González e Abraham Rubín. Nunha época marcada pola información constante e os cambios acelerados, explican desde a organización do congreso, a educación “precisa máis que nunca ferramentas que fomenten o pensamento crítico e a reflexión profunda” e, engaden, “a filosofía ofrece estas ferramentas, proporcionándolle ao alumnado a capacidade de analizar, cuestionar e entender o mundo que os rodea”.
Formar individuos críticos
Co reto último de formar individuos críticos e capaces de pensar por si mesmos, de participar activamente na sociedade, de contribuír ao seu melloramento e de cuestionar as realidades impostas, o evento “explorará como os fundamentos filosóficos poden enriquecer e transformar a práctica educativa”. Concretamente, márcase como obxectivos resaltar a relevancia filosófica, analizando como pode influir na educación para desenvolver un pensamento crítico e autónomo; examinar as metodoloxías educativas que integran a filosofía nos currículos escolares e universitarios e promover prácticas educativas que capaciten ao alumnado para cuestionar e analizar criticamente a información. O congreso tamén quere facilitar o debate sobre as cuestións filosóficas e educativas máis relevantes da actualidade; definir estratexias para incorporar a filosofía de maneira efectiva nos programas educativos e fomentar o intercambio de ideas entre especialistas en filosofía, educación e outras disciplinas afíns.
A programación estrutúrase en diversas sesións temáticas que abordarán diferentes aspectos da relación entre filosofía e educación. Haberá mesas sobre temas como “o xenio crítico do Nietzsche educador”; a filosofía como doutrina e como actividade e a “filosofía para pensar(nos) outros”. Tamén haberá intervencións sobre a lectura crítica do suxeito moderno por parte da psicanálise lacaniana; a hermenéutica como crítica; “O escaravelho de Wittgenstein: pensar (apesar d)as palavras" e “pensar os sentimentos e sentir os pensamentos. Un reto filosófico e educativo ante a crise da nosa época”.