DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade de Vigo e a Cuemyc, terá lugar do 7 ao 9 de xuño

Un congreso internacional abordará en Pontevedra os múltiples campos de aplicación da mediación

Coa participación do ex-director xeral da Unesco Mayor Zaragoza

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/05/2018

Coa participación xa confirmada de preto de 200 especialistas e profesionais, o Pazo da Cultura de Pontevedra será escenario, entre o 7 e 9 de xuño, do III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito, un foro promovido pola Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflitcto (Cuemyc), xunto coa Universidade de Vigo, dirixido a afondar nos múltiples ámbitos de aplicación desta vía alternativa para a resolución de conflitos. A mediación familiar, escolar, social, penal, a mediación no deporte ou na empresa e no ámbito do consumidor figuran entre as áreas temáticas dun congreso que reúne no seu programa oito conferencias plenarias, ás que se suma á participación do ex-director xeral da Unesco Federico Mayor Zaragoza, xunto con sete simposios, cinco mesas de expertos, tres talleres e dez mesas nas que se presentarán preto de 70 comunicacións.

“Fixemos un esforzo importante para lograr que este congreso poida ser de interese non só para os académicos, senón tamén para profesionais de diferentes ámbitos e para a cidadanía en xeral”, salientou a responsable do comité local do congreso, a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña, na presentación que xunto á concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro, e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e integrante do comité local Ana Acuña, tivo lugar este venres no Concello. “Todo aquilo que sirva para promover unha discusión crítica de temas de actualidade, para nós é moi importante”, salientou Riveiro do congreso que se desenvolverá entre o 7 e o 9 de xuño no Pazo da Cultura e que, aínda coa súa inscrición aberta, ten xa confirmada a presenza de preto de 200 asistentes.

Preto de 50 universidades, tanto do conxunto do estado como doutros países, integran actualmente a Cuemyc, promotora dun congreso internacional que os membros da conferencia recoñecen que supón un “paso cualitativo” con respecto ás dúas edicións precedentes, como apuntou Fariña, integrante da xunta directiva dunha conferencia centrada en promover o desenvolvemento da mediación e da resolución pacífica de conflitos, “que entendo que neste país é un tema a traballar, porque unha boa convivencia é o que fai que as persoas teñan calidade de vida”. De aí que esta catedrática puxese o acento no “labor pedagóxico, de dar a coñecer a mediación” dun evento no que está será abordada tanto desde unha perspectiva intraxudicial como extraxudicial. “Imos ter cubertos todos os ámbitos nos que se pode aplicar a mediación”, salientou dun evento no que tamén se abordará a propia formación nesta vía de resolución de conflitos e a proposta formulada pola Cuemyc neste eido.

Diálogos de paz con Mayor Zaragoza

O vocal do Consejo General del Poder Judicial Álvaro Cuesta; o profesora da Universidade de Roma Massimo Proto; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez; o catedrático da Universidad de Castilla La Mancha Juan Ramón de Paramo; o profesor da Universidade Autónoma de Nuevo León de México Francisco Javier Gorjón; o catedrático da universidade italiana de Cagliari Carlo Pilia; o maxistrado da Audiencia Provincial de Barcelona Pascual Ortuño e o catedrático da Autónoma de Madrid Carlos Giménez son os expertos e expertas que protagonizarán as oito conferencias plenarias inseridas no programa do congreso. Conferencias ás que se suma ademais a actividade que achegará a Pontevedra ao ex-director xeral da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e Cultura Federico Mayor Zaragoza, que o sábado 9 protagonizará unha actividade titulada Diálogos de Paz, “na que nos falará de como se foron resolvendo diferentes conflitos internacionais nos que el participou” a través dunha entrevista realizada por Carlos Giménez.

Sete simposios e cinco mesas de debate

No programa deste congreso englóbanse tamén sete “simposios por invitación”, sobre resolución de litixios en materia de consumo, a calidade da mediación, a intervención en conflitos familiares, a mediación penal, a convivencia no ámbito escolar e a figura do mediador non xurista nos que participarán 36 expertos e expertas. Así mesmo, desenvolveranse tamén, coa intervención de 22 relatores de diferentes países, cinco “mesas de expertos”, sobre os novos retos das administracións ante a resolución de conflitos, a mediación familiar, penal e en materia de consumo, así como sobre o proceso de elaboración do libro blanco sobre a xestión positiva de ruptura de parellas con fillos, que coordina Fariña, quen recentemente participaba así mesmo na Ponencia especial de seguimento do Dereito Foral das Cortes de Aragón. 

No marco dun grupo de traballo constituído en 2013 nunha autonomía que foi a primeira en aprobar unha lei de custodia compartida, esta catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor foi convidada a comparecer a finais de abril nas cortes aragonesas para abordar “o que significa a custodia compartida para os nenos e nenas e o que significa a parentalidade positiva”.