DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase por primeira vez en Pontevedra entre o 28 e o 30 de outubro

O Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo reunirá preto de 250 especialistas e profesionais

Promovido pola UVigo, o Concello, e as federacións española e galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 19/10/2022

Na semana previa ao seu inicio, o Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas viuse obrigado a pechar as súas inscricións, cando estas roldaban as 200, o que sumado aos e ás conferenciantes e aos integrantes do comité organizador fará que o Pazo da Cultura reúna, entre o 28 e 30 de outubro, preto de 250 expertos, adestradores e profesionais ligados a este deporte dunha decena de países. “É moito máis do que agardabamos. A verdade é que non sabíamos como ía responder a xente despois da pandemia”, recoñece o profesor Manuel Isorna, presidente do comité organizador, respecto do interese que espertou a oitava edición dun congreso de carácter bienal, que ata o de agora tivera como sede o concello de Catoira e que neste 2022 traslada a súa sede a Pontevedra.

Organizado pola Real Federación Española de Piragüismo, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello e a federación galega, o VIII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, ademais de II Congreso Internacional de Adestradores de Slálom e I Congreso Internacional de Adestradores de Kaiak Polo, reúne no seu programa máis de 25 conferencias, mesas de debate e talleres. Desde o seu nacemento, en 2004, este foro internacional ten como principal obxectivo aumentar a preparación dos corpos técnicos desta disciplina, afondando nos novos métodos de preparación, innovacións tecnolóxicas ou nas investigacións ligadas a esta disciplina. “Como pasou en xeral con todo o deporte, o piragüismo avanzou moitísimo nos últimos anos, na preparación física, na técnica, nos materiais, en todo o relacionado coa parte médica...”, salienta Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. 

“Todos os conferenciantes son adestradores de recoñecido prestixio internacional”, salienta o responsable do comité organizador dun congreso que contará con conferenciantes de España, Portugal, Noruega, Hungría, Alemaña, Bélxica, Italia, Gran Bretaña e Eslovenia. Entre eles, atópase o presidente da Federación Internacional de Piragüismo (ICF), Thomas Konietzko, que o domingo 30 afondará no presente e futuro do piragüismo nos Xogos Olímpicos; a seleccionará británica de paracanoeing, Hannah Brown, que abrirá o congreso o venres 28, a adestradora do equipo nacional húngaro Katalín Szilardi, ou o adestrador, médico e campión olímpico británico Tim Brabants.

Análise con perspectiva de xénero

Ademais da incorporación do slálom, modalidade na que se centrarán seis dos relatorios, e do cambio de sede, unha das novidades desta edición é a importancia que a organización outorgou á perspectiva de xénero. “O piragüismo sempre se viu desde un punto de vista androcéntrico, non hai máis que ver a cantidade de adestradores homes que hai”, sinala Isorna, que lembra que as piragüistas representan “o 50% das modalidades e das medallas”, motivo polo que buscaron pór o foco en diferentes aspectos relacionados coa preparación das deportistas. Así, o programa do congreso abrangue conferencias como a que Szilardi centrará no papel da muller neste deporte, unha mesa “na que se vai falar exclusivamente de como se adaptan as cargas de adestramento en función do ciclo menstrual” ou un relatorio sobre muller, alto rendemento e kaiak polo. 

Os avances técnicos e tácticos que puideron observarse nos Xogos Olímpicos de Tokio ou os novos modelos de planificación do adestramento forman parte tamén dos contidos dun congreso, no que o profesor da universidades norueguesa de Agder Sthephen Seiler afondará na chamada “planificación inversa, un novo método de traballo cos piragüistas” e no que tamén haberá lugar para falar da preparación psicolóxica dos deportistas ou do adestramento de altitude simulada. 

O programa do congreso complétase con dous talleres de carácter práctico, centrados en exercicios específicos para a mellora do xesto técnico e na monitorización da adaptación do adestramento a través da variabilidade da frecuencia cardíaca, abertos a un máximo de 35 persoas. Así mesmo, neste evento presentaranse máis de 40 investigacións, tanto en formato de pósters como nas diferentes mesas de presentación de comunicacións programadas.