DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase ata o venres no campus e no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Un congreso internacional analiza en Ourense o papel das relacións públicas “no mundo da desinformación”

Conta con arredor de 150 persoas inscritas e a presentación de 135 comunicacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 12/06/2024

Desde este mércores e ata o venres, celébrase en Ourense o XVIII Congreso Internacional de Investigación en Relacións Públicas, que leva por lema As relacións públicas no mundo da desinformación. A cita reúne a arredor 150 especialistas procedentes do ámbito académico e profesional e 135 comunicacións nas que se abordan temas de actualidade nesta disciplina.

O evento está organizado pola Asociación de Investigadores en Relaciones Públicas (AIRP), o Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e o proxecto de investigación FakeLocal: Mapa da Desinformación nas Comunidades Autónomas e Entidades Locais de España e o seu Ecosistema Dixital, contando co apoio, entre outras entidades, da Facultade de Educación e Traballo Social onde se celebra, e do Concello de Ourense. Na súa inauguración participaron Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo; Iván Puentes, director do congreso; Antonio Castillo, presidente de AIRP; Xosé Rúas, director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UVigo, e David Manuel Alvarado, da Facultade de Educación e Traballo Social, estando tamén presente Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Nas súas intervencións destacaron a dilatada traxectoria de 18 anos deste congreso e a oportunidade que ofrece de crear rede entre o profesional e o académico e entre especialistas de diferentes países.   

Dos plans de estudo á intelixencia artificial

Por cuarta vez, a Asociación de Investigadores en Relaciones Públicas escolleu á UVigo para celebrar o seu congreso de referencia, optando nesta ocasión por facelo no campus de Ourense. Segundo explicou Iván Puentes, a entidade é a única asociación académica de relacións públicas existe na península ibérica. O obxectivo do seu congreso internacional, detallou, son varios. O primeiro é “pór en contacto ao sector académico e o sector profesional das relacións públicas en España: ás persoas que están a traballar nel tanto en institucións públicas como en empresas e ás persoas que desde a academia e desde a universidade nos dedicamos a investigar e ensinar neste eido”. Un segundo obxectivo deste encontro, engadiu o docente, “é tender pontes, vínculos de investigación e de traballo, con Portugal e Latinoamérica”. Por último, a cita tamén supón unha oportunidade para “internacionalizar e visibilizar” o traballo que no eido das relacións públicas se fai na Universidade de Vigo, particularmente desde a Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra.

O congreso conta cun dilatado programa de conferencias e mesas redondas que se celebran o mércores e xoves no campus de Ourense e o venres no Centro Cultural Marcos Valcárcel e que arrancou cunha conferencia de Susana de Andrés del Campo, profesora titular da Universidad de Valladolid, sobre “comunicación lenta, comunicación radical ante a desinformación”. As intervencións agrúpanse arredor de catro eixos principais. Así, detallou o director do congreso, un primeiro é o dedicado ao sector profesional, a “como están as relacións públicas en España e no conxunto do mundo e como podemos facer para mellorar a visibilización e identificación da profesión”. Un segundo bloque céntrase na formación, en como as universidades españolas incorporan nos seus títulos o ensino das relacións públicas. Tampouco falta un apartado específico sobre innovación neste eido, onde se abordan temas como o impacto e a incorporación dos avances tecnolóxicos á disciplina profesional, dedicando especial atención á intelixencia artificial. O cuarto grupo principal de comunicacións achégase a contextos especializados das relacións públicas, como por exemplo a comunicación política.

Ao longo dos tres días de encontro haberá conferencias sobre temas como a comunicación institucional dixital das universidades, as narrativas desinformativas arredor da Axenda 2030, a desinformación como ameaza para os gabinetes de relacións públicas dos partidos políticos, a revolución das relacións públicas na era da intelixencia artificial e a desinformación e comunicación de saúde. O último día, o venres, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a AIRP entregará os seus premios á Excelencia Universitaria sobre Relacións Públicas 2024.