DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvolverase os días 18, 22, 25 e 29 de outubro

Un congreso internacional analizará o impacto das políticas e das institucións xurídicas na erradicación da violencia sexual

Abranguerá tanto os antecedentes romanos como a regulación actual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 04/10/2021

A Facultade de Dereito do campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollerán os días 18, 22, 25 e 29 de outubro o I Congreso Internacional de Violencia Sexual. Nesta primeira edición, o evento, dirixido polas profesoras da Universidade de Vigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, estará enfocado “no estudo e análise das institucións xurídicas e o tratamento político da violencia sexual no eido interno e internacional”.

O congreso, que leva por título Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo e conta co apoio da Vicerreitoría de Investigación e o Consello Social da UVigo. A iniciativa, indican desde a súa organización, “pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades actuais sobre a violencia sexual e o seu tratamento dende a experiencia histórica á situación actual en distintos textos normativos, nacionais e internacionais”. Trátase, explican, “de examinar o impacto das políticas e das achegas xurídicas no seu intento por erradicar as distintas formas de violencia sexual, en tanto que supoñen unha violación do dereito fundamental á liberdade, á igualdade e á dignidade da persoa, á súa integridade física e moral e, desgraciadamente, en ocasións, á propia vida”.

Así, lembran desde a organización do congreso, tal e como establece a exposición de motivos do anteproxecto de Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual “a cidadanía supón o exercicio de todo un conxunto de dereitos humanos ligados á liberdade e á seguridade, que están intimamente relacionados coa liberdade de movemento e de uso dos espazos, pero tamén coas relacións persoais e a capacidade de decisión sobre o propio corpo”. O acceso efectivo das mulleres e as nenas a estes dereitos, indícase no anteproxecto, “ten sido historicamente obstaculizado polos roles de xénero establecidos na sociedade patriarcal, que sustentan a discriminación das mulleres e penalizan, mediante formas violentas, as expresións de liberdade contrarias ao citado marco de roles. Na súa expresión física e tamén simbólica, as violencias sexuais constitúen quizais unha das violacións de dereitos humanos máis habituais e ocultas de cantas se comenten na sociedade española, que afectan de maneira específica e desproporcionada ás mulleres e ás nenas, pero tamén aos nenos”.

Tratamento xurídico e psicosocial

Nos distintos relatorios do I Congreso Internacional de Violencia Sexual, “analizarase o tratamento xurídico e psicosocial das medidas de protección e sanción das condutas sexuais a partir do seu tratamento nos tratados e convenios internacionais e na normativa nacional de distintos estados da UE e doutros países iberoamericanos”, segundo indican desde a súa organización. A iniciativa, detallan, baséase nas accións de internacionalización presentes nos proxectos institucionais das e dos especialistas implicados, "obxectivando a produción cualificada e representante de realidades comparadas". A intervención das e dos académicos, procedentes do ámbito estatal pero tamén de Italia, Portugal e Brasil, engaden, proporcionará ás e aos asistentes a posibilidade de participación activa no evento, non soamente en calidade de oíntes senón tamén pola presentación de traballos e comunicacións, previamente seleccionados, nos grupos temáticos do congreso.

O evento contará cun dilatado programa que arrancará cunha intervención de María José Bravo Bosch sobre a violencia sexual na antiga Roma e no dereito actual e rematará cunha conferencia de clausura a cargo de Regina Beatriz Tavares da Silva, presidenta de ADFAS (Associação de Direito de Família e das Sucessões) de Brasil. Ao longo das catro sesións abordaranse temas como por exemplo a proba en violencia sexual xustiza penal restaurativa, as novas (ciber)violencias sexuais en adolescentes, a tutela da vítima na “era covid” e a experiencia forense na avaliación do abuso sexual. Con este programa, o evento pretende, entre outros aspectos, servir de plataforma para aproximacións innovadoras na política e o dereito, tanto no terreo teórico coma no práctico; favorecer o desenvolvemento e a difusión de intercambio de experiencias internacionais a través da conexión dos distintos eixes temáticos que definen este congreso; crear espazos de reflexión sobre propostas e retos en materia de dereitos humanos e potenciar estudos relacionados coa sostibilidade e a Axenda 2030. O congreso desenvolverase de xeito presencial na Facultade de Dereito do campus de Ourense o día 18 e os restantes días na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Tamén se poderá seguir a través do Campus Remoto da UVigo.