DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa quinta edición celébrase este xoves e venres en Ourense

O congreso internacional do Campus Auga pon o foco na importancia da xestión sostible dos recursos hídricos

A cita reúne a máis de 60 asistentes e nela presentaranse arredor de 40 traballos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Ourense 26/09/2024

Baixo o lema A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar, o campus de Ourense celebra estes días o seu V Congreso Internacional da Auga. A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e nela danse cita máis de 60 asistentes para afondar dun xeito multidisciplinar na xestión sostible dos recursos hídricos, nun marco xeral de aposta pola economía circular e dedicando especial atención ao ámbito do turismo termal.

Ao igual que en anteriores edicións, o principal obxectivo deste evento é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cos recursos hídricos. A programación desenvólvese os días 26 e 27 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pero previamente, este mércores pola tarde, as e os seus participantes incorporáronse á feira Termatalia coa celebración en Expourense dunha mesa redonda e simposio.

O primeiro congreso tras a acreditación

Na inauguración oficial este xoves do evento, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, subliñou que este congreso do Campus Auga é o primeiro que se celebra tras acadar este proxecto de especialización a súa acreditación por parte da Xunta de Galicia. O responsable académico apuntou neste senso que esta acreditación “vainos permitir desenvolver moitas máis capacidades e un traballo máis intenso e coordinado” e facer “un campus cada vez mellor”, campus que, dixo, xa “é referente” no eido da auga. Neste punto, o reitor quixo pór en valor “o compromiso e unión” de todas e todos os responsables das escolas e facultades do campus de Ourense arredor “deste proxecto común que é o Campus Auga”.

Do mesmo xeito, Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, apuntou que esta quinta edición do congreso, que ten un carácter bianual, “amosa que o proxecto de especialización do campus de Ourense xa conta cunha longa traxectoria de dez anos de traballo”. Apuntando que a acreditación do Campus Auga supón “un motivo de enorme satisfacción colectiva para todo o campus de Ourense e para a Universidade de Vigo”, o director indicou que a celebración deste congreso internacional dá cumprimento a liñas estratéxicas contempladas neste proxecto relacionadas coa economía circular, o turismo termal e a xestión da auga termal e ao seu compromiso coa transferencia. Por último, María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e presidenta do comité organizador do congreso, quixo na inauguración recoñecer e agradecer o esforzo feito na organización deste evento, que cada edición corre a cargo dun centro do campus, destacando que é mostra do “extraordinario capital humano do noso campus, do seu talento e do traballo en equipo e o bo facer que hai nel”.

Máis de 40 traballos

Tras a inauguración oficial, arrancou a programación. No V Congreso Internacional da Auga presentaranse en total máis de 40 traballos en diferente formato, desde comunicacións a paneis, centrados arredor do 40% deles na xestión termal e o resto en temáticas de economía empresarial, economía circular e actividade turística. Ademais, o programa inclúe mesas redondas (sobre temas como o termalismo como fonte de saúde e benestar); conferencias (sobre temáticas como a economía circular na xestión da auga); talleres e a entrega dun premio á mellor comunicación na área de xestión da auga, concedido pola Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE).

A conferencia inaugural levou por título A economía circular na xestión da auga e foi ofrecida por Leticia Rodríguez, directora de desenvolvemento sostible de Viaqua. Seguiulle un simposio de economía circular, no que se abordaron temas que abrangueron desde a importancia do biometano no proceso de transición enerxética ata proxectos innovadores para facer fronte ao estrés hídrico en Galicia mediante o emprego de auga rexenerada. Outro dos simposios centrouse na actividade turística e a auga e nel puidéronse escoitar intervencións que foron desde as últimas investigacións arqueolóxicas no balneario de Carlos III (Guadalajara) ata as perspectivas para o desenvolvemento do turismo nunha reserva extractivista na Amazonía. Xa pola tarde está previsto un terceiro bloque sobre turismo, empresa e auga, no que tratarán temas como o turismo termal en enclaves como Estoril, e un taller sobre o ecosistema do ciclo da auga na provincia de Ourense.

O venres o gran protagonista será o termalismo. Así haberá un simposio sobre este tema no que se poderán escoitar conferencias que abarcan desde o desenvolvemento dunha formulación cosmética a partir de auga mineromedicinal ata o programa de termalismo social do Imserso e unha proposta de revitalización de balnearios en desuso. A conferencia de clausura centrarase nos desafíos do termalismo en Galicia e será a cargo de Carmen Pardo, especialista neste eido.