DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ten lugar este xoves e venres en Pontevedra, con arte, comunicación, deseño e educación como eixes

O congreso internacional do Campus Crea acolle a presentación de 35 estudos que conectan a creatividade con múltiples disciplinas

Da man de investigadoras e investigadores de 20 universidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/10/2025

Conectar a creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea, é o obxectivo central do II Congreso Internacional de Creatividade, que este xoves e venres se desenvolve en catro facultades do campus de Pontevedra. Inserido nos traballos para a acreditación deste proxecto de especialización e promovido co apoio da Deputación de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración, o congreso acolle a presentación de 35 estudos que exploran as conexións da creatividade con múltiples disciplinas, por parte de máis de 50 investigadores e investigadoras dunha vintena de universidades de España e Portugal. Ademais, no seu programa inclúense tamén as conferencias de académicos como o catedrático Joaquim Azevedo, quen fora secretario de Estado do goberno portugués, e de profesionais como Teresa Bernácer, quen foi directora de Protocolo do Ministerio do Interior, así como dos directores do estudio Rubio & Del Amo e do colectivo de produción cultural e medioambiental Basurama. 

Cun programa estruturado en catro bloques, correspondentes coas catro áreas do Campus Crea, este foro botou a andar na mañá deste xoves na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde foi inaugurado pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; e a profesora da Facultade de Comunicación Montse Vázquez, codirectora do congreso, xunto con Julia Fontenla. “A creatividade é unha calidade humana moi relevante, que nos permite atopar solucións a problemas”, salientou Valderrama, quen lembrou que Albert Einstein definira este concepto como “a intelixencia divertíndose”, para logo pór en valor a “unión de títulos diferentes” que implica o Campus Crea. Neste aspecto incidiu tamén Domínguez, quen destacou o que este proxecto de especialización supón para “unha cidade especial, cun ecosistema distinto”.

Estruturado en catro bloques, este II Congreso Crea permitirá “falar de arte, de educación, de comunicación e de deseño”, pero tamén promover a “combinación e experimentación” entre diferentes ámbitos, un dos “valores máis importantes para adestrar” a creatividade, salientou Vázquez. “A creatividade é unha habilidade que todos temos, unha capacidade para resolver problemas que nos serve en todas as actividades da nosa vida”, engadiu a codirectora dun congreso que combina a participación presencial e virtual de investigadores e investigadoras de diferentes eidos. Con máis de 80 inscritos e inscritas, este evento reúne no seu programa seis mesas de presentación de comunicacións, que darán lugar a unha publicación monográfica na editorial Fragua.

Creatividade, educación e inclusión

Profesor xubilado da Universidade Católica Portuguesa e investigador do Centro de Investigación para o Desenvolvemento Humano, o catedrático Joaquim Azevedo foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, coa que daba inicio o bloque de creatividade e educación. Director xeral do Ministerio de Educación portugués e secretario de Estado dos Ensinos Básico e Secundario na década de 1990, Azevedo “desenvolveu unha extensa carreira no ámbito educativo, académico e político en Portugal”, país ao que representou en organismos como a Unesco ou a OCDE, salientan desde a organización. “Recoñecido como un dos maiores expertos no sistema educativo portugués”, trátase dun investigador cunha visión “moi crítica, que propón unha transformación importante do sistema educativo”, destacou a profesora Esther Martínez na súa presentación. 

Nese senso, o obxectivo do seu relatorio foi afondar nun proxecto, Arco Maior, que dirixe desde 2013 e no que fixeron uso da creatividade, explicou, para “inventar unha resposta educativa para un problema grave de exclusión escolar e social”. Arco Maior, explicou, é unha iniciativa nacida no Porto e dirixida a mozos e mozas “en situacións moi graves desde o punto de vista social”, unha poboación “que se adaptaba moi mal á escola e coa que a escola non sabía traballar”. Ante esta problemática, sinalou, “desenvolvemos unha pedagoxía diferente, moi baseada na proximidade, no respecto pola identidade da xente, na capacidade de comprender”, que tiña como obxectivo promover “unha reorientación das súas vidas e unha reinserción social e profesional”, algo que lograron co máis do 85% das e dos participantes ao longo destes anos. 

A actividade trasládase a Deseño

Tras a presentación da 14 comunicacións do apartado de educación, o congreso trasládase na tarde deste xoves á Facultade de Deseño, onde se presentan nove estudos sobre creatividade, deseño e arte. Previamente, este centro acollerá unha conferencia de Guillermo Rubio e Julián Garnés, directores creativos de Rubio & Del Amo, un estudo especializado en identidade corporativa e deseño editorial, que traballou para empresas e institucións como o grupo Planeta, o Museo Thyssen-Bornemisza, o Ayuntamiento de Madrid ou a Generalitat Valenciana, ademais de ter sido seleccionados, xunto ao estudio Cruz más Cruz, para deseñar a identidade visual da Axencia Espacial Española.

Comunicación e arte centran a segunda xornada

Na mañá do venres, o Congreso Crea desenvolverá a súa actividade, de xeito paralelo, nas facultades de Comunicación e Belas Artes. A primeira acollerá a presentación das doce comunicacións seleccionadas no bloque de creatividade e comunicación, despois dunha conferencia da especialista en comunicación pública e relacións institucionais Teresa Bernácer, quen foi durante cinco anos directora de Protocolo do Ministerio do Interior e que, ao longo da súa traxectoria, participou como representante da administración do Estado en distintos proxectos internacionais. Belas Artes, pola súa banda, abrirá a xornada cunha conferencia da creadora e xestora cultural Mónica Gutiérrez Herrero, integrante de Basurama. O seu relatorio permitirá afondar na traxectoria deste colectivo cultural, fundado no 2001 en Madrid e que centra a súa actividade “na investigación, creación e produción cultural e medioambiental, con especial atención aos procesos produtivos e aos residuos xerados”, que empregan como “ferramenta de reflexión e creación, cuestionando a nosa forma de consumir e reempregar recursos”, salientan desde a organización.

O congreso completarase cunha actividade que permitirá achegarse dun xeito práctico ás intervencións artísticas de Basurama, un taller de construción de inchables con plástico usado que conta con preto de 25 inscritos e inscritas e que terá lugar na tarde do venres en Belas Artes. Esta facultade acollerá así mesmo o acto de clausura no que se entregarán os premios ás mellores comunicacións nos diferentes apartados do congreso.